Ricardo Suárez García
Hoxe é o Aberri Eguna, día da Patria en Euskadi, e non se me ocorre mellor xeito de dar os parabéns ás xentes de Euskadi que escribir a prol de rachar coa estigma que sofre este pobo e en especial a súa esquerda soberanista. E é que non é entendible que unha situación política e social normalizada se trate de boicotear dende amplos sectores do resto do estado español, nalgúns casos por puro interese e noutros casos por descoñecemento e prexuízo.

Non hai moito, na última sesión de investidura no Congreso dos Deputados do estado español, asistiamos a un dantesco espectáculo protagonizado por determinados grupos políticos que bufaban e mesmo daban as costas a unha lexítima representante da cidadanía como é Mertxe Aizpurua. Un comportamento cando menos reprochable e vergoñento no contexto do que pretende ser un estado democrático. Un pode diferir e mesmo estar nas antípodas do pensamento do outro mais debe demostrar un mínimo de educación nun foro que debería ser exemplo e non o é.

Exemplo o que si dou, neste caso de solidariedade entre pobos, o deputado de EH Bildu Oskar Matute, ao recordar e poñer de manifesto a situación preto da escravitude que no sur do estado español sofren moitos traballadores do campo, poñendo o exemplo da recollida da fresa en Huelva. Un discurso, ou cando menos un fragmento do mesmo, digno de eloxiar por calquera que defenda os dereitos humanos.

Semella moi pouco entendible que mentres Javier Maroto, na súa época como alcalde de Vitoria/Gasteiz, defendía a necesidade de diálogo democrático e non excluír a ninguén, agora peche filas co seu partido nunha estratexia de confronto, mesmo violento dende un punto de vista verbal, que pretende deixar fóra do xogo democrático a miles de cidadáns que optaron por determinada opción política.

Cabe recordar que nas derradeiras eleccións ao Congreso dos Deputados a forza EH Bildu conseguiu o apoio de case 300.000 cidadáns, e que cos seus 5 deputados goza de grupo propio nesta cámara. Non me creo que mentres a sociedade de Euskadi é capaz de facer vida normal nas rúas ou no traballo, parte da clase política do estado español non sexa capaz de abandonar a estratexia do estigma dunha opción política en democracia. Semella máis ben que estas forzas políticas teñen un especial interese electoral na perpetuación do conflito e do estigma, cousa non moi responsable.

Menos entendible parece esta situación se miramos a outros contextos con similitudes, coma por exemplo Irlanda, onde esgrimir o conflito como arma política é algo inadmisible, e onde partidos coma o Sinn Fein están plenamente normalizados a día de hoxe. O espazo político da esquerda soberanista de Euskadi representada por EH Bildu é un espazo amplísimo, e plenamente democrático, e empregar o estigma por intereses espurios pode ter rédito fóra de Euskadi por falta de comprensión da realidade actual deste país no resto do estado español, pero non deixa de ser unha irresponsabilidade vil que tan só leva á perpetuación da anormalidade e o enfrontamento social.

A sociedade de Euskadi é ben coñecedora da vileza da estratexia seguida por partidos coma VOX, PP ou Cidadáns, de modo que se ve reflexado nuns resultados electorais que os relegan á práctica irrelevancia neste país. Deberan de reflexionar moitas persoas do resto do estado español a que se debe esta irrelevancia dos que falan de defender a liberdade nun territorio que os ignora.

Tampouco é entendible a situación dun Partido Socialista acomplexado, que pouco menos que se ten que esconder por medo aos berros da irresponsable dereita española cada vez que quere ter media conversa con EH Bildu, aceptando e sendo participe deste xeito da perpetuación do estigma e do conflito e regalando un valioso relato a aqueles que de verdade debera de confrontar.

Moitas son as persoas con coraxe, e ogallá que cada día sexan máis, que, dende partidos coma o PP e o PSOE (dentro e fóra de Euskadi), sexan quen de defender que Euskadi deu un tremendo paso adiante na súa realidade social e que esta situación merece que se lles permita gozar dunha vida política normalizada e plural. Por iso quero aquí facer un chamamento a todos aqueles demócratas convencidos, simpaticen ou non coa esquerda soberanista, a que escoiten con respecto e sexan un factor a prol da superación do conflito e o estigma que sofre non só EH Bildu, se non que toda a sociedade de Euskadi, á que non se lle permite ter unha representación política e unha realidade social normalizada. Gora Euskadi e viva o internacionalismo dos pobos libres.