Esquerda Unida vén de organizar en Vigo a charla: “Mulleres e saúde”, impartida pola coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, e Raquel Cordeiro, activista da Asociación Nós Mesmas. Este acto pecha unha serie de charlas enmarcadas na programación que Esquerda Unida está a levar a cabo co tema central da diversidade co motivo do Día do Orgullo LGBTI e baixo o lema: “Vivir libremente, vivir dignamente”.

“Se ben as mulleres xa temos que enfrontarnos ao sesgo de xénero dentro da sanidade pública, as mulleres LGTBI enfrontan moitas máis dificultades no acceso ao dereito á saúde, e dentro do sistema público de saúde. Por poñer un exemplo, as mulleres transexuais e intersexuais non teñen garantida unha atención se deciden someterse a un tratamento de reasignación de sexo dentro do sistema sanitario público, polo que teñen que sufragalo do seu peto. Ás veces, de darse o caso de conseguir facer a operación na sanidade pública, teñen que financiar outros moitos tratamentos na sanidade privada. Ademais, non está garantida por lei o tratamento de fertilidade para mulleres lesbianas ou transexuais, como tampouco o estivo a fertilización in vitro”, explica a coordinadora nacional de Esquerda Unida.

“Outro dos problemas que sofren as mulleres LGTBI dentro da sanidade é a carencia de formación específica para os propios profesionais sanitarios, que non teñen coñecemento da prevención das enfermidades e cancros en mulleres que teñen sexo con mulleres. Se ben a Xunta ten a obriga de poñer en marcha campañas específicas, ningunha é especial para a muller que ten sexo con mulleres”, incide Solla.

Dende Esquerda Unida entendemos que é prioridade garantir o acceso á saúde en igualdade para todas as persoas, especialmente para aquelas persoas ou colectivos con máis dificultade de acceso á sanidade en igualdade, por todo o xa sinalado.

Na charla tamén estivo presente Raquel Cordeiro, activista da Asociación Nós Mesmas, unha organización feminista que nace en 2008 da man dun grupo de mozas co obxectivo de contribuír a construción de vías alternativas de pensamento para acadar as condicións necesarias para o exercicio e pleno desfrute por parte das mulleres lesbianas, bisexuais e transexuais dos seus dereitos. Cordeiro lembrou que “aínda queda moito camiño por percorrer en materia de diversidade LGTBI, polo que é fundamental, crear, aportar ideas e accións para erradicar a discriminación que segue existindo contra o colectivo LGTBI”. “Hai moito descoñecemento respecto ás mulleres que teñen sexo con mulleres: dende nas consultas de xinecoloxía, onde os e as profesionais médicos, que dan por feito que es heterosexual. De feito, nos teñen contado que hai mulleres ás que lle din que se é lesbiana porque vai ao xinecólogo”, lamenta.

“Eu son psicóloga e, na carreira, nunca toquei o tema LGTBI, que aínda sae nas clases relacionadas cos trastornos. É terrible e moi grave. É agora cando se están a mudar as cousas en moitos ámbitos, aínda que falta moito camiño por percorrer”, di Carneiro.

No marco do 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBI, e co lema “Vivir libremente, vivir dignamente”, Esquerda Unida está a realizar unha serie de actividades co fin de debater e dar a coñecer cuestións relativas aos dereitos LGTBI, tanto os acadados como os que aínda están por acadar así como a problemática coa que este colectivo se atopa no  día a día. Para elo contamos coa participación de persoas que pertencen a diferentes colectivos que velan e reclaman estes dereitos.

Deja un comentario