Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, estivo esta tarde en Lugo, onde reivindicou a necesidade de votar á candidatura de unidade popular Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida- Equo. “Aos franquismos, fascismos e machismos temos que combatelos de fronte. E iso o sabe a xente que estivo no Cárcere Vella de Lugo, aquí ao lado onde estamos falando”, di a candidata de ACE-EU-EQUO, Vanessa Somoza, nada máis arrancar o mitin de Lugo.

Pola súa banda, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, resaltou que “o goberno de Lugo non fixo políticas de esquerda que son moi necesarias”. “Lugo é a terceira cidade con máis vivendas baleiras, pero tamén a primeira con máis desemprego. Precisamos unha estratexia política para que as persoas poidan vivir dignamente. Hai un traballo moi importante que facer en materia social por diante. Tamén é importante contar cun parque público de vivenda: hai moitas persoas que precisan solucións á súa situación”, dixo Solla, que tamén resaltou o traballo feito sobre feminismo, no relativo á Operación Carioca, e sobre todo o que queda por facer para rematar co patriarcado. Por todo isto, Solla animou ás mulleres, ás persoas desempregadas, ás pensionistas, ás traballadoras precarias, á xente nova… a encher o vindeiro domingo as urnas de votos valentes.

O candidato á alcaldía de Lugo, Carlos Portomeñe, foi o encargado de rematar o acto, e o fixo lembrando ás persoas represaliadas que estiveron presas no Vello Cárcere, “nós somos herdeiros das mulleres e homes republicanos e antifascistas, dos valores da liberdade, igualdade, solidariedade e xustiza social. Gústame crer que están nas ventás observándonos e sorrindo”, dixo.

Portomeñe afirmou que “ACE-EU-EQUO é a única candidatura de unidade popular, porque é a única que naceu do activismo nos movementos sociais e sindicais, de xente que se coñece entre ela por loitar no movemento feminista, na defensa do medio ambiente, do movemento obreiro, contra a Ordenanza Mordaza, que logrou a veciñanza parar nas rúas, das iniciativas culturais de base que sitúan Lugo como cidade cosmopolita no século XXI. Imaxinade un Concello con todas estas persoas dentro traballando xuntas, sen dúbida transformación Lugo de abaixo arriba”, sentenciou.

No acto estivo tamén Loïc Alejandro, co portavoz de Equo, que falou sobre a importancia de “levar a cabo políticas que deixen de explotar o noso planeta, iniciativas e recursos renovables xestionado polo poder público, non por mans privadas”.

DEJA UNA RESPUESTA