EU Son Porriño vén de celebrar esta tarde un acto de presentación do candidato a alcaldía, Pedro Ocampo, e ao proxecto “EU Son Porriño, a Esquerda Real para o cambio necesario do Concello”, para as vindeiras municipais.

Segundo explicaba Ocampo, “fai falla un cambio real no Concello do Porriño, xa que o que constatamos nestes catro anos é que seguimos con vellas prácticas de escurantismo, de falla de democracia, de transparencia e de iniciativa. Polo tanto, nós imos a por todas; xa que somos o Grupo que podemos mudar a política do concello e somos moi optimistas ao respecto”, reflexiona.  “Hai que partir dun punto cero e facer unha revolución democrática no Concello, con novos cambios e mudanzas a favor do ben común”, apunta. Doutra banda, Ocampo mostrouse preocupado polo lindano aparecido estes días. “Agora acabo de estar na zona de Contrasto, onde apareceu máis lindano. Ata o momento os gobernos que estiveron aquí non se puxeron de fronte a outras administracións nin asumiron responsabilidades, algo que ten que mudar”, apunta. “A política é compromiso. Non se pode saber o que pasa respecto ao lindano e desentenderse do compromiso de cambialo. Non se pode deixar á veciñanza sen protección ante esta situación”, di.

A coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Eva Solla, resaltou que “este concello está moi castigado polo desemprego e defende a importancia de facer políticas reais de emprego como as que leva EU Son”. Tamén destacou o traballo feito en materia de sanidade, “de como acompañaron as demandas dos profesionais durante todo este tempo, de estar a protestar pola carencia de profesionais, ao lado do persoal sanitario”. “Hai que recoñecer todo o traballo levado a cabo en pular por medidas de descontaminación do lindano. A xente de este concello se merece vivir nun lugar sano”, apuntou.

O secretario de Organización de Esquerda Unida e concelleiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez, sinalou a importancia do municipalismo e da necesidade dun verdadeiro programa de esquerda para O Porriño, que implique un cambio social. E, por último, o secretario de Organización Institucional de Podemos Galicia, Marcos Cal, valorou moi positivamente a traxectoria de EU-Son nesta lexislatura, como forza política fundamentalmente vinculada á veciñanza do Porriño dun xeito moi próximo.

DEJA UNA RESPUESTA