A Federación Galega de Asociacións de Usuarios e Familiares de Usuarios de Residencias e da Dependencia (REDE), ven de presentar ante a Fiscalía Superior de Galicia unha denuncia contra tres altos cargos da Consellería de Política Social polos presuntos delitos recollidos nos artigos 195, 196, 229 e 404 do Código Penal e outros que resulten de investigación por denegación de auxilio, abandono e omisión de socorro con resultados de mortes e lesións, todo isto realizado «de forma dolosa e con prevaricación».

A conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, na toma de posesión do director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa Montenegro / xunta.gal

Así, a denuncia está dirixida ao director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa Montenegro, ao subdirector xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais, Fernando González Abeijón e a xefa do Servizo de Inspección de Maiores e Discapacitados, Berta Besada, «así como a todas aquelas persoas que ostentasen estes cargos no último ano e medio».

Dende REDE denuncian que a cifra actual dos máis de 1.000 contaxiados e 150 mortos nas residencias galegas «non é tanto a causa do COVID-19 como da xestión que del se fixo nas residencias coa complicidade da Consellería de Política Social, que consentiu a sabendas a inacción das residencias e a non aplicación das medidas profilácticas e hixiénicas coñecidas e recomendadas dende o primeiro momento».

Para o colectivo, esta actuación das residencias «ven sendo coñecida a través das denuncias de familiares nos últimos anos e consentida pola dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e o Servizo de Inspección de Maiores e Discapacitados», aos que consideran «cómplices» da situación creada nas residencias galegas antes da chegada do coronavirus e que finalmente derivou no vixente escenario de contaxios e falecementos.

Dende a asociación indican que estes servizos «tiñan a obriga de facer cumplir a lexislación ás residencias, de inspeccionalas, abrirlles expedientes e sancionalas e non o fixeron, tiñan a obriga de protexer aos maiores e non o fixeron», senon que ao contrario «coa súa inacción provocaron que se consolidasen e se estendesen situacións de abandono, neglixencia e maltrato, que se traballase moi por debaixo das ratios obrigadas, que se descoidase a limpeza e que, por exemplo, auxiliares sen a formación axeitada fixeran funcións de enfermeiras nalgunhas residencias».

Asemade -denuncian- estes servizos da Xunta de Galicia abandonaron as súas funcións, deixando as persoas maiores en situación de desamparo e ignorando sistemáticamente as peticións de auxilio dos familiares que recorreron a eles.

Por estes motivos, dende REDE instan á Fiscalía a investigar todo o proceder da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e o Servizo de Inspección de Maiores e Discapacitados nos últimos anos «e a súa actuación durante este tempo nas residencias que presentan casos de contaxio entre residentes e/ou traballadores», nalgúns casos incluso con presenza de persoas falecidas, así como que se solicite a estes departamentos da Xunta «copia de todas as denuncias recibidas no último ano e medio sobre as residencias citadas, e copia de todas as actuacións derivadas delas», como as respostas dadas ao denunciante, inspeccións realizadas, aperturas de expedientes e sancións de ser o caso.