A Federación Galega de Asociacións de Usuarios e Familiares de Residencias e Centros de Dependiencia (REDE), ven de presentar unha ampliación de denuncia ante a Fiscalía Superior de Galicia contra os propietarios, xestores e directores de centros da comunidade nos que se contabilizaron mortes e contaxios por coronavirus polos presuntos delitos recollidos no Código Penal de denegación de auxilio, abandono, omisión de socorro, imprudencia grave con resultado de morte e lesións, todos eles realizados de forma dolosa.
A denuncia pide, ademáis, que se investiguen a Josefina Fernández Miguélez, CEO de DomusVi e ao resto de propietarios do grupo tanto en España coma en outros países como Francia e Inglaterra, así como aos propietarios das demais residencias afectadas pola COVID-19 a nivel galego.
Para REDE, «non só é a COVID-19 a que mata aos anciáns», senón tamén «a imprudencia, o abandono, a neglixencia e a falla de auxilio practicado nas residencias ás vítimas», así como o feito de que «non se realizaron desinfeccións nin limpezas axeitadas, nin se aplicaron as medidas adicionais recomendadas por Sanidade tras varios días e varios casos de infeccións en diversas resiencias e cun número de afectados crecente, a pesar de existir numerosas empresas externas de limpeza dispoñibles» e de ser conscientes «da insuficiencia do persoal para garantir a correcta aplicación de medidas de obrigado cumprimento».
Para o colectivo, DomusVi e outras residencias «decidiron aforrar cartos», tendo que ser os distintos medios da Administración pública os que finalmente acudiron a desinfectar as residencias «das que os seus propietarios seguen desentendéndose e abandoando as súas obrigas de protección dos residentes».
REDE denuncia ademáis que «tampouco se reforzou» o persoal de atención directa «a pesar de ser indispensable para aplicar correctamente os protocolos» recomendados por Sanidade sendo estes de obrigado cumprimento, polo que a asociación entende que nas residencias galegas «estase a producir un auténtico xenocidio disfrazado de neglixencia» pois «a pasividade destas empresas ante a expansión do coronavirus estase extendendo no tempo, xa que nin ante os centos de contaxiados adoptaron medidas preventivas, nin hixiénicas, nin profilácticas, e seguen traballando por debaixo das ratios permitidas sen sequera cubrir os postos dos traballadores de baixa por coronavirus».
Por estes motivos, a entidade ven de solicitar que a Fiscalía abra unha investigación e comece a recabar probas sobre o terreo a través da Policía Xudicial «que permitan no seu momento concluir coa existencia ou non de delito no proceder dos propietarios das residencias e os seus directivos».
RESPONSABILIDADE DIRECTA DO GOBERNO DE ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO
Para REDE, que tamén denunciou á Fiscalía nun escrito aparte a varios altos cargos do Goberno da Xunta, a actuación das residencias vén sendo coñecida polas denuncias dos familiares e consentida pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e o Servizo de Inspección de Maiores e Discapacitados, aos que consideran «cómplices da situación creada nas residencias galegas» antes da chegada da COVID-19 e que «desembocou no fatal escenario actual».
Por iso tamén veñen de actuar contra o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa Montenegro; o subdirector xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais, Fernando González Abeijón e a xefa do Servizo de Inspección de Maiores e Discapacitados, Berta Besada Porto.
PREMIOS Á CEO DE DOMUSVi DE MANS DOS MANDATARIOS DA XUNTA
A CEO de DomusVi e agora denunciada, Josefina Fernández Miguélez, foi premiada o pasado 19 de decembro co galardón Galicia Global das mans do conselleiro de Economía e Industria da Xunta, Francisco Conde, «pola internacionalización da súa compañía» e no acto agradeciu o galardón defendendo ter contribuído a mellorar a calidade de vida dos maiores das residencias «profesionalizando» o sector.
O propio Alberto Núñez Feijóo xa impuxera no ano 2016 a medalla de ouro do Círculo de Empresarios de Vigo á máxima executiva de DomusVi.
