O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta que desbloquee os recursos propios do goberno galego para reverter os 10 anos de recortes na sanidade pública. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día para o próximo Pleno do Parlamento, onde anunciou que a situación da sanidade centrará a pregunta ao presidente e unha interpelación dos socialistas.

Fernández Leiceaga lembrou que destinar o superávit de 2018 á sanidade obriga a “cambiar as normas que estableceu Mariano Rajoy” a través da Lei de Orzamentos, e “mentres tanto cumpre empregar os recursos da Xunta”. Os socialistas galegos consideran “prioritario dar resposta ás demandas dos profesionais da sanidade” e da cidadanía para mellorar a calidade asistencial logo dos recortes aplicados polo goberno galego.

Sinalou así ao deterioro da sanidade pública que evidencia o Barómetro do CIS, que reflicte unha porcentaxe cada vez maior de cidadáns que están dispostos a optar pola sanidade privada en detrimento da pública.

Lingua

Os socialistas levarán ademais unha moción ao próximo Pleno do Parlamento para garantir que o coñecemento do galego sexa “un requisito e non un mérito” nas probas de acceso á función pública. Os socialistas queren que o PP e o goberno galego clarifiquen a súa posición con relación á lingua propia de Galicia logo da “preocupante posición do PP en España e do seu presidente”, que coincide coa posición contraria ao uso normalizado do galego por parte de Ciudadanos e Vox.

Os socialistas galegos queren blindar a situación do galego fixada polo Estatuto de Autonomía e na Lei de Normalización Lingüística. Ademais, reclámanlle ao goberno galego unha rectificación do Decreto do Plurilingüismo para levantar a prohibición de empregar o galego “nas clases de Matemáticas e outras materias”.

No Pleno da próxima semana os socialistas presentarán unha proposición non de Lei para reclamarlle ao goberno galego un novo Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia que favoreza a reciclaxe e a recuperación e complemente o modelo de Sogama. Fernández Leiceaga explicou que o obxectivo é “cumprir cos compromisos marcados pola UE de forma rápida e segura”.