O PP bloquea a proposta de En Marea de despenalizar a eutanasia, condenando á cidadanía a morrer con sufrimentos que poderían evitarse.

O voceiro de En Marea , Luís Villares, defendeu esta mañá unha Proposición de Lei para garantir o dereito a unha morte digna, “entendida como presuposto da súa regulación positiva e parte indispensable do dereito fundamental á vida e á dignidade do ser humano”. A proposta de humanizar o final da vida e de que cada individuo poida decidir como afrontar o propio, foi rexeitada unicamente co voto en contra do Partido Popular.

Villares subliñou en todo momento que “o debate sobre a eutanasia é o debate sobre a vida, concretamente sobre a regulación do dereito a un final de vida digno, como corolario da protección á vida e ao propio tempo da disposición deste ben xurídico e moral por parte dos individuos”.

Este dereito, que chegará máis pronto que tarde, conta cun respaldo maioritario por parte da mesma (un 87% segundo a sondaxe publicada por Metroscopia en 2019). Son innegables os avances sociais relacionados coa aceptación colectiva destas prácticas completamente humanas, así en xullo de 2019 chegouse ao millón de sinaturas que solicitaban a despenalización da eutanasia.

Para poder regular a morte digna é preciso cambiar a lexislación para pasar a considerala como un dereito cidadán de carácter fundamental, como integrante do dereito a unha vida digna recollido no art. 15 CE: “A morte digna é o único final posible dunha vida digna. Ninguén debe estar condenado a vivir en condicións de vida insoportables”.

Aquí e onde o PP de Feijóo pon as trabas, amosando unha intolerancia propia da extrema dereita que busca converter en lei para toda a cidadanía o que debera ser unha decisión individual, dacordo coa moral de cada quen: “a eutanasia é un dereito, en ningún caso unha obriga” lembrou Villares.
Pese as negativas dun partido que cada vez máis se distancia máis da cidadanía que representa, En Marea continuará, conxuntamente coa asociación Dereito a Morrer Dignamente Galicia, percorrendo Galicia para explicar e defender a despenalización da eutanasia, como “o primeiro paso para unha regulación integral da morte digna que supoña a proxección da liberdade e do libre dereito de desenvolvemento da personalidade”.

A idea do PP de Feijóo de que os bens morais, e particularmente a vida, é indispoñible para o ser humano, é consecuencia dunha concepción teolóxica dos bens morais: os doados por Deus: “e non podemos impoñer unha visión teolóxica dende o Estado cando este é aconfesional. O Estado debe respectar as crenzas da cidadanía, pero non debe impoñer unha visión relixiosa da protección dos dereitos”.

O voceiro lembrou tamén os casos de Ramón Sampedro e María José Carrasco, dous exemplos claros de que a lexislación non está adaptada as necesidades da cidadanía, evidencian a necesidade de garantir este novo dereito. En Marea continuará traballando desde Galicia a ese debate e clamor social, mediante a introdución na axenda política galega deste tema. Villares lamentou que a cidadanía teña que seguir agardando, pois “esta situación supón unha dilación insoportable para moitas persoas e as súas familias que están padecendo uns sufrimentos derivados desta situación que non deben soportar por máis tempo”.

En Marea quere que Galicia se coloque en paralelo ás comunidades autónomas que como Cataluña lanzaron o debate social e institucional para unha regulación que se abre paso xa en numerosos estados europeos ou nos Estados unidos “na perspectiva política de ampliar dereitos cidadáns, e garantir a efectividade dun final de vida digna”, asegurou Villares.

Let’s block ads! (Why?)