Feijóo recoloca a dedo ao exconselleiro de Medio Ambiente Agustín Hernández logo do seu rotundo fracaso electoral nas municipais

0
2451

O Grupo Común da Esquerda criticou este venres que o PP está facendo un uso partidario das institucións no nomeamento do novo presidente do Consello Económico e Social (CES). Na comparecencia parlamentaria da persoa elixida para este cargo, Agustín Hernández, o deputado Manuel Lago cualificou de “escándalo democrático que Feijóo utilice os órganos consultivos e de control para recolocar membros do seu partido que fracasaron nas eleccións municipais”.

A imaxe do exconselleiro de Medio Ambiente e candidato á alcaldía de Santiago de Compostela Agustín Hernández botando lixo ao río Sar foi un dos momentos máis polémicos da última campaña electoral / youtube.es

“Temos un profundo malestar con este nomeamento”, continuou Lago, porque “a democracia baséase na separación de poderes. O partido non pode contaminar a institución e aquí faise de forma extraordinaria porque se usan os cargos institucionais para resolver asuntos de partido”. Para o deputado “isto é inaceptable nunha democracia madura. Ocorreu o mesmo coa súa antecesora, que foi nomeada por Feijóo responsable do partido en Vigo e, unha semana despois delegada da Xunta na cidade olívica. Esta utilización partidaria das institucións é a antítese da democracia”.

Manuel Lago afondou en que “o Goberno ten un representante no CES, en contra do que di o regulamento deste organismo. Os órganos consultivos e de control non poden estar dirixidos por persoas dos partidos aos que deben controlar para garantir a súa independencia”. Lago tamén lamentou que “o regulamento do CES di que se debe consultar ás entidades representadas no consello, e iso non se fixo, non se falou cos sindicatos, non se cumpriu nin este mínimo requisito formal”.

“A maioría absoluta do PP vaille dar para diante ao procedemento, pero isto deturpa e degrada a calidade da democracia, a institución e a vostede”, concluíu o deputado do Grupo Común da Esquerda, que de cara ao futuro remarcou que “contra a persoa non teño nada e agardo que sexa quen de darlle a volta a esta situación. Foi nomeado polo PP sen proceso de diálogo coas organizacións sindicais e iso dificulta o seu inicio. Espero que faga un esforzo extraordinario para gañar a confianza, amosar a súa independencia e darlle ao CES o impulso que necesita. Nisto deséxolle o maior dos éxitos”.

Dejar respuesta