O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez demandou hoxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que tome medidas para paliar as consecuencias que a crise da Covid-19 está a ter no sector cultural galego.

Gómez Reino esixiu á Xunta que eleve ata o 0,25% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia o investimento en cultura. Esa é a porcentaxe que se investía no 2009, que hoxe non chega ao 0,12%.

“A cultura ven de evidenciarse como unha necesidade básica, porque é unha das áncoras que máis pode axudar nestes momentos de confinamento fronte á epidemia da Covid-19. Recoñecer isto implica garantir o seu acceso á cidadanía como un dereito e, ao mesmo tempo, protexer a quen o fai posible”, dixo o voceiro da coalición, que presentou en rolda de prensa unha serie de propostas destinadas a apoiar ao sector.

Entre elas, incluír nas bases das convocatorias de subvencións anticipos de ata o 80% para que o sector poida ter liquidez e afrontar con garantías os vindeiros meses, adiantando cachés daqueles eventos que tiveran que ser cancelados ou reprogramados; implementar medidas de compensación de perdas previstas até o outono.

Outra das medidas propostas sería unha liña de axudas a fondo perdido para que autónomos e PEMES do sector cultural poidan afrontar as situacións nas que non xeren ingresos ou descendan de maneira importante.

A coalición propón tamén convocar bolsas de traballo para que as persoas paradas do sector teñan acceso a traballar coas comunidades en todo o territorio.

“Instamos ao goberno de Feijóo a que reorganice o calendario cultural para evitar a saturación do segundo semestre do ano valorando unha posible reorganización bianual ata 2021, destinando parte dos recursos do Xacobeo para facer fronte ao déficit conxuntural producido durante a vixencia do estado de alarma e para que as empresas e traballadores do sector poidan afrontar as situacións nas que non xeren ingresos ou descendan de maneira importante.”, engadiu.

Finalmente, Gómez Reino propuxo que a CRTVG funcione como un verdadeiro servizo público utilizando as canles para promover e difundir a cultura galega, apostando de maneira firme e contundente polo sector audiovisual galego a través de carga de traballo por parte da CRTVG coa contratación de programas e series de produción galega.