Redacción Galiza

A balsa mineira de Bama (Touro) que rebordou durante as fortes choivas e motivou a denuncia por parte da asociación Aldea Viva, formaba parte das infraestruturas da explotación mineira de Rio Tinto Patiño que estivo en activo entre os anos 1973-1986. E así o constatan as ortofotos dos anos 1983 e 1985, coincidindo co período de actividade mineira, nas que queda patente a existencia da balsa.

Esta balsa por ser a situada na cota máis baixa da corta de Bama é a que recepcionaba as augas de drenaxe de entulleiras e cortas situadas na cota superior, que recibía a través dunha canle de recollida. Dende esta balsa as augas serían transferidas ás balsas de decantación situadas en cota superior mediante bombeo, o que evitaba o seu rebordamento. Estas instalacións de recuperación das augas actualmente non existen, polo que o rebordamento da balsa é inevitable en épocas de choivas, co consecuente vertido ao Río Brandelos.

Modificacións topográficas posteriores ao cesamento da actividade mineira de Río Tinto, deron lugar a que agora grandes extensións de entulleiras e cortas abertas drenen as augas directamente ao río.

Dadas as características dos materiais lixiviados, o contido desta balsa serían augas hiperacedas de drenaxe aceda de mina, ás que actualmente se suman residuos derivados dos  lodos ou “supostos tecnosoles”, botados en boa parte das entulleiras durante os últimos quince anos.

Así mesmo, Aldea Viva denuncia defectos de impermeabilización e filtracións na balsa; de xeito que unha vez finalizan as choivas, esta baléirase por filtración, tal e como sucedía no pasado mes de decembro.

O BRANDELOS, UN RÍO MORTO

Os efectos destas augas no río van máis alá da contaminación, levaron ao río Brandelos ao seu estado actual: o Brandelos é un río morto.

Para Aldea Viva, causa rubor que, á vista do estado lamentable dos terreos e das augas, empresas con intereses nos feitos denunciados e unha vez aberto expediente pola Administración, proclamen a suposta boa calidade das augas e rexeneración do río Brandelos, actualmente morto, un feito que calquera pode comprobar nun paseo pola súa ribeira.

Así mesmo, toda proclama ou aval en defensa das supostas melloras ambientais por parte de técnicos ou catedráticos con intereses económicos nestas empresas (directamente ou a través de familiares) carecen obviamente de toda obxectividade.

Comunicados recentes destas empresas nos que valoran positivamente os resultados de supostas analíticas, non poder ser cualificados máis que de “operacións de marketing e lavado de imaxe”. Os actores implicados non reparan así en falsos eufemismos como chamar “agua de lluvia” ás drenaxes de mina, ou “depósito de decantación” á balsa mineira, todo co propósito de disfrazar o evidente desastre ambiental que se vén producindo dende os anos oitenta.

Aldea Viva agarda ao avance na tramitación do expediente pola Administración autonómica, a quen corresponde a vixiancia e control, e establecer as medidas correctoras e cohercitivas.

Deja un comentario