Redacción Galiza

En Marea considera unha fraude a elaboración do Plan de Transporte da Xunta de Galicia e un engano feito para “aparentar” unha planificación cando en realidade “a Xunta de Galicia actúa sobre a organización do transporte con feitos consumados” tal como explica o vicevoceiro do GP de En Marea, Antón Sánchez.

Tal como explica Sánchez, o primeiro dos incumprimentos que se verá na proposta do Plan de Transporte é o que corresponde aos prazos. A lei entrou en vigor o 23 de xullo de 2016 e nese texto se abría un prazo de 21 meses para desenvolver este plan. O prazo vencerá o vindeiro 23 de abril e a Xunta non terá aprobado para esa a data o plan tal e como se tiña comprometido. Este incumprimento revela unha fraude coa que a Xunta está procedendo neste plan: “está anticipando o futuro plan mediante a planificación é execución de diversas fases, de maneira que a primeira xa está realizada e a segunda encóntrase en trámite”.

O vicevoceiro do GP de En Marea sinala que o plan de transporte “non foi aprobado como tal, pero a Xunta xa aprobou a integración de determinadas liñas e sacou a licitación a súa execución. Sánchez apunta que, na práctica, o que está facendo a Xunta “foi executar un plan de transporte virtual, que non foi aprobado por ninguén e cometendo unha fraude ao asumir accións que non teñen o respaldo da lei”. Antón Sánchez explica tamén que a Xunta está “anticipando o contido do plan mediante a súa execución práctica e saltándose as consultas e os consensos necesarios para elaborar e desenvolver un plan”.

No pasado mes de febreiro, a Xunta sacou a licitación un servizo de asistencia técnica para o desenvolvemento do plan e a coordinación de dito desenvolvemento cando unha parte dese desenvolvemento de feito xa está realizado e a Xunta busca dar “apariencia de planificación cando xa ten decidido como se organiza o transporte público en Galicia sen facer un proxecto conxunto e sen escoitar ás partes implicadas no mesmo”.

Como explica Antón Sánchez “ao contrario do que sería desexable “ao transformar as liñas concesionais de transporte nunha política de feitos consumados converte ao Plan no resultado final das decisións previas xa executadas e non no instrumento de planificación previsto na Lei”.

No mesmo sentido, Sánchez sinalou, “o fracaso das actuacións da Xunta no transporte das áreas metropolitanas, utilizando un modelo de transporte para estes casos claramente insuficiente para atender todas as necesidades da poboación destes territorios metropolitanos.

Deja un comentario