O secretario xeral dos socialistas galegos sinala que Feijóo “empeza a toparse cunha Galicia na que o PSdeG marca a axenda política e na que ten que asumir a limpeza nas institucións”.

Gonzalo Caballero / PSdeG

Gonzalo Caballero, destacou hoxe que “a caída da Valedora do Pobo é a vitoria da presión pola limpeza e a rexeneración fronte á ilegalidade e o enchufismo que Feijóo amparou durante un ano a pesares das sentenzas” do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do Supremo.

En concreto, a xustiza ditaminou o ano pasado, e ratificouse niso o mes de marzo, que Milagros Otero cometeu desviación de poder para contratar a unha sobriña de Fraga para un alto cargo na institución do Valedor do Pobo.

Durante todo este tempo, como sinalou Gonzalo Caballero, Feijóo estivo “amparando” a Milagros Otero para seguir á fronte dun organismo que ten que ser “sinónimo de limpeza pública e transparencia”. Por tanto, concluíu, “Feijóo e o PP foron cómplices” da situación, causada por “unha decisión arbitraria, irregular e ilegal”.

“Cando acudín ao Parlamento para acreditarme coma deputado, indiqueille a Feijóo que tiña que mover ficha e cesar á Valedora”, recordou o líder dos socialistas galegos, consciente de que a institución estaba a verse “empanada pola sombra da corrupción”.

“Feijóo empeza a toparse cunha Galicia na que o PSdeG o vai controlar e lle vai marcar a axenda política, e na que ten que asumir as pautas de limpeza a rexeneración que reclama a sociedade galega”, recalcou Gonzalo Caballero, toda vez que as sentenzas sobre a contratación irregular dunha sobriña de Fraga situaban á Valedora do Pobo nunha situación “insostible”.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario