O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, confesouse esta semana “abraiado” ante “os bandazos” que está dando o presidente da Xunta dentro da súa “estratexia de confrontación co goberno socialista”. “Un día aplaude a Vox e ao día seguinte a Quim Torra”, evidenciou.

“Leva todo o verán coa película das dificultades económicas da Xunta mentres destina 30 millóns de euros a reformar despachos”, recalcou Gonzalo Caballero, en alusión ás críticas de Feijóo coas que “está poñendo a Xunta ao servizo dos intereses do PP” en relación coas entregas a conta.
E, tras recordar que non se actualizaron eses fondos porque o PP votou en contra dos orzamentos do Estado, o líder dos socialistas galegos cuestionou que agora Feijóo se sume á “estratexia marcada polo independentismo catalán de xudicializar a vida política” despois de “aplaudir os pactos do PP con Vox”.
“Os bandazos de Feijóo non son propios dun goberno que ten fondos, que ten orzamentos, e que ten moitos problemas que solucionar no país”, incidiu Gonzalo Caballero, ao tempo que asegurou que “o goberno socialista é a mellor garantía” para a axeitada financiación das comunidades.
“Os socialistas temos un claro compromiso co Estado das Autonomías que non ten o PP e os seus aliados de Vox, que queren asfixiar ás comunidades”, engadiu o máximo dirixente do PSdeG, quen recomendou a Feijóo “reprender” eses pactos de Pablo Casado coa ultradereita.
“POSIBILIDADES DO MEDIO RURAL”
Gonzalo Caballero realizou estas declaracións no transcurso dunha visita a Paderne en compañía do alcalde, César Longo; así como dos rexedores de Mesía, Mariano Iglesias, e de Sobrado, Lisardo Santos; do vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena; do senador Antonio Vázquez e do deputado autonómico José Manuel Pérez Seco.
Alí aproveitou para coñecer a empresa de agricultura ecolóxica Orballo, “unha referencia a nivel europeo” pola produción de infusións. “Galicia ten co medio rural unha asignatura pendente, e na agricultura ecolóxica ten unha oportunidade para o desenvolvemento económico e a creación de emprego”, apuntou, consciente de que estas iniciativas amosan “as posibilidades do medio rural”.
“No noso plantexamento para Galicia apostamos polo medio rural e polo emprendemento”, destacou o líder do PSdeG, quen defendeu que este tipo de formulacións requiren do compromiso da Xunta.