O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, acusou esta fin de semana ao presidente da Xunta de “poñer á Xunta a disposición da estratexia de confrontación de Pablo Casado e Álvarez de Toledo contra o goberno de Pedro Sánchez”. Logo dun encontro de alcaldes e responsables socialistas de Ortegal, Caballero sinalou que o “alarmismo” e “irresponsabilidade” demostrados por Feijóo son “indignos de quen ten a obriga de gobernar Galicia”.

Gonzalo Caballero nun acto público / PSdeG

Caballero censurou o “uso partidista” das institucións autonómicas por parte do presidente da Xunta, que “quere facer méritos diante de Casado poñendo ao goberno galego a disposición dunha estratexia de conflito inaceptable”. Despois de ter perdido peso político no seu partido, dixo, Feijóo quere recuperar posicións poñendo ao Executivo ao servizo da estratexia electoral dun PP ao que “non lle dan as contas”

Advertiu neste sentido que “as galegas e os galegos non podemos permitir que o presidente da Xunta xogue coas institucións e con Galicia en función dos intereses partidistas do PP”, situado nunha “fuxida desesperada cara adiante pàra intentar remontar o escenario electoral”.

Apuntou así que as declaracións dos últimos días por parte dos representantes do goberno galego, poñendo en dúbida a viabilidade financeira do goberno galego, “chegan a un nivel de alarmismo e irresponsabilidade inaceptables para quen ten competencias de gobernar Galicia”.

Lembrou que o presidente da Xunta “manexa uns orzamentos de 9.800 millóns de euros anuais”, e que foi el quen “disparou a débeda pública ata máximos históricos, preto de 12.000 millóns de euros” en apenas 10 anos.

“XOGO DE TRILEIROS”

Criticou o “xogo de trileros políticos” no que o presidente do goberno quere converter á Administración autonómica. Advertiu así que “non podemos consentir que xogue cos salarios dos funcionarios e co pago a provedores en función dos intereses de Casado e de Álvarez de Toledo”.

Subliñou que “os orzamentos deste ano son superiores aos de anos anteriores, nos que si que houbo recursos para o pago a provedores e para as nóminas dos funcionarios”. “Merecemos un goberno da Xunta capaz de gobernar e de xestionar os recursos propios con dignidade”, remachou.

O líder dos socialistas galegos fixo estas declaracións no día de hoxe, que comezou en cun encontro político cos alcaldes de Cedeira, Ortigueira e Cerdido, Pablo Moreda, Juan Penabad e Benigno Galego, no que tamén participaron o vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, e o coordinador socialista da comarca, Marcial Blanco, antes de visitar a XVIII Festa do Percebe de Cedeira.

A xornada rematou en Cuntis, onde Caballero interveu nun encontro socialista no que tamén interviñeron o alcalde da localidade, Manuel Campos, e o europarlamentario galego Nicolás González Casares.

DEJA UNA RESPUESTA