Este sábado, 15 de decembro, celebrouse a segunda andaina organizada pola Plataforma de afectados polo vertedoiro de Santiago de Compostela – Miramontes.

Nesta ocasión tratouse dunha andaina de nadal co mesmo traxecto que a anterior: saída dende Miramontes e percorrido pola Peregrina, Romaño, Vista Alegre e Galeras, finalizando cunha concentración na Praza do Toural.
A actividade de protesta contra o Complexo Ambiental de Miramontes, contou coa presenza de representantes políticos coma Xoán Bascuas (Compromiso por Galicia), Paco Reyes (PSdeG-PSOE), que acompañaron aos veciños e veciñas na marcha; e tamén co alcalde Martiño Noriega quen, xunto co concelleiro de Medio Rural, Rafael Peña, se achegou ata o Toural para amosar o seu apoio á causa dos afectados e afectadas de Miramontes e demáis aldeas próximas.

O camiño de nome Gandarón
Ten un sinal que prohibe o paso ós camións
Máis día a día e sen contemplacións
Suben a centos sen ningunha sanción
Ro po pom pom
Ro po pom pom
Don Diñeiro é quen move o motor
Son uns lambóns
Tamén houbo outras cantinelas que cargaban contra a Consellería de Medio Ambiente pola súa deixadez e mesmo contra o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
A pesar do mal tempo, veciños/as, persoeiros políticos, membros da plataforma de Miramontes e de outras plataformas afíns coma as de Touro, Casalonga e Lesta, plantáronlle cara á chuvia e ao vento para protestar polo que consideran un atentado contra a natureza e a vida dos veciños e veciñas do rural. «Coller unha molladura é o menor dos nosos problemas», manifestaban.