O responsable da área de gandeiría de Podemos Galicia, Juan Gómez, fixo balance o pasado luns da implantación do contrato lácteo destacando que “os gandeiros non teñen ningunha capacidade de negociación. Nin de prezo nin de cantidades”.

Juan Gómez, que compareceu xunto á Secretaria Xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, indicou que ” Os contratos son un trágala que os gandeiros deben aceptar ou verse abocados a que non lles recollan o leite”.. O responsable de gandeiría de Podemos Galicia subliñou ao respecto que “dicimos que non teñen capacidade de negociación porque a pesares de que os prezos en moitos casos están ligados a variacións de índices de referencia, estes índices son manipulados xa que os prezos base son artificialmente mantidos á baixa, e en caso de subidas flagrantes no mercado internacional, as empresas fan pequenas subidas en complementos sen tocar o prezo base, para que outras empresas, sobre todo de ámbito internacional, non se vexan abocadas a subir os seus prezos”. Gómez tamén indicou que “os gandeiros non teñen capacidade de negociación sobre as cantidades a producir.

Pasamos dun sistema de cotas controlado pola administración a un sistema de cotas que é manexado arbitrariamente polas industrias, dándose casos como que en Galicia se está penalizando, e moito, o exceso de produción con prezos de miseria, a pesares de que continúa o lento e seguro proceso de abandono de moitas granxas, e noutros puntos do estado se está pagando o leite máis de tres céntimos por riba do prezo en Galicia, premiando e alentando o aumento da produción noutras zonas coma Valencia, por poñer só un exemplo”.

Contratos, tribunal da competencia e granxas cunículas.

O responsable da área de gandeiría de Podemos Galicia tamén se referiu aos modelos de contratos, ao tribunal da competencia e ás granxas cunículas. Sobre os contratos sinalou que “hai fórmulas inintelixibles para os gandeiros, e en moitos casos, o leite divídese en 2 grupos, A e B, no que un deles serve para modular o prezo mes a mes. Valla como exemplo algún destes que se está pagando a 24 cts por litro, o cal non dá ningunha seguridade ás granxas no prezo que van percibir ao longo do ano polo seu produto, o que lles impide facer plans cunha mínima seguridade”. Respecto ao tribunal de competencia, Gómez foi crítico e se preguntou “como é posible que se o leite se paga moito máis en Francia que aquí, e que por riba haxa que sumarlle o custo de transportalo? repito, como é posible que se poda colocar un leite que é moito máis caro, e en ningún caso de mellor calidade, nun mercado que se presume libre?»

Por último o responsable da área de gandeiría de Podemos Galicia, Juan Gómez quixo facer un chamamento de apoio ás granxas cunículas e indicou que “están cobrando 0,20 cts por debaixo do prezo de produción”. Gomez foi categórico ao respecto e concluiu “se o goberno non deixou caer aos propietarios das autopistas que non eran rendibles, debería facer o mesmo coa xente que vive do seu traballo e a diferenza dos bancos e fondos de inversións, non pretende facerse millonario con eles”.

Deja un comentario