A eurodeputada Lídia Senra, candidata de En Marea: Compromiso por Europas ás eleccións europeas do 26 de maio, estivo este sábado pola mañá en Ourense, repartindo información da campaña electoral na Praza de Abastos e na feira, acompañada polos tamén membros da candidatura europea, Davide Rodríguez e José Manuel García González, e por membros da lista municipal de Ourense Mellor.

En declaracións aos medios, Senra amosou todo o seu pesar pola morte hoxe do compañeiro Alexandre Sánchez Vidal, que foi tenente de alcalde da cidade de Ourense e que neste mandato foi a Bruxelas con ela, para participar no Encontro da Cargos Municipais do GUE/NGL. A eurodeputada amosou toda a súa solidariedade coa familia e amizades nestes momentos, nada máis enterarse da triste noticia, á súa chegada á capital das Burgas.

Na orde de propostas electorais do día, a candidata defendeu unha nova estratexia forestal europea para promover o bosque autóctono e a biodiversidade, o silvopastoreo e outros aproveitamentos do monte, e acabar co monocultivo do eucalipto na Galiza.

A eurodeputada considerou que é prioritario acutar contra os incendios forestais e ligou os lumes co cambio climático. “Un dos efectos do cambio climático é a desestacionalización e o aumento dos lumes, unha realidade que na Galiza se palpa, ve e contrasta cada vez máis”, dixo. Por iso defendeu actuar en dous niveis: Por un lado, o desenvolvemento da agricultura labrega, en base á agroecoloxía, que permita instalar labregas e labregos en todo o territorio, producindo alimentos e coidando o medio. Por outro lado, avogou por establecer un servizo cen por cen público para a prevención e extinción de incendios, que acabe coa precariedade laboral e coa privatización do servizo e que se manteña activo todo o ano.

“A loita contra o cambio climático dase creando empregos de calidade, estables e sustentables no medio rural”, dixo Senra, e nese sentido propuxo un novo reparto das axudas da PAC, que estableza un primeiro tramo de axudas de 8.500 euros por persoa activa, que estableza prezos que cubran os costes e traballos de produción e que potencie os circuitos curtos de comercialización.

Deja un comentario