A eurodeputada galega Lídia Senra, a portavoz da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Púlbico de Pensións e integrante de MODEPEN (Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas), Victoria Portas, e o economista e escritor Xabier Pérez Davila presentarán nun acto público este venres, 15 de febreiro, ás 19:00 horas, na Biblioteca Pública de Pontevedra (Rúa Alfonso XII, número 3), o libro ‘O futuro das pensións. Galiza, Estado español e Europa’1.

 

A eurodeputada denuncia que a Comisión Europea, o Consello Europeo e o Parlamento o que están é a favorecer o mercado de capitais coa creación do chamado Produto Paneuropeo de Pensións Individuais (PEPP). “O que queren é crear un mercado da Unión Europea para os promotores de Plans de Pensións Individuais e non lles importa pór en risco os aforros de miles de persoas, incitándoas a investir en produtos de risco con tal de mobilizar este diñeiro para beneficiar as grandes empresas do ramo (bancos, compañías de seguros, xestores de activos, empresas de investimento, etc.)”, denuncia Lídia Senra. “E non escatiman esforzos, a pesar de ter imposto aos Estados un teito para o gasto público que se traduce en recortes en servizos públicos básicos como o ensino ou o servizo de saúde, non dubidan en recomendar aos Estados que sigan detraendo recursos públicos mediante os incentivos fiscais para favorecer a contratación deste Produto”, explica Senra, quen asegura que o PEPP será tremendamente discriminatorio pois ter un nivel adecuado de pensión de xubilación vai depender da capacidade de aforro individual.

A eurodeputada arremeteu contra os representantes permanentes do Consello, que este mércores suscribiron o acordo acadado entre a Presidencia e o Parlamento Europeo o pasado 13 de decembro sobre o PEPP. Isto permite que o texto siga a súa tramitación.

Senra advirte que o PEPP tamén aumentará a fenda de xénero, xa existente na actualidade. “As mulleres percibimos menor salario, somos titulares de explotacións agrícolas máis pequenas e somos discriminadas na percepción das axudas da Política Agrícola Común. Polo tanto, temos menor capacidade de aforro e no contexto agrícola, como sempre, en caso de haber algunha capacidade de aforro e ter que priorizar algún membro da parella, será o home o que contrate a pensión privada”, di. “Esta proposta é un paso máis no abandono por parte dos gobernos das políticas públicas e de instrumentos básicos para a necesaria redistribución da riqueza que entre todas e todos xeramos na sociedade, para converterse en meros xestores dos intereses das grandes corporacións, da especulación capitalista, e favorecer a concentración da riqueza en moi poucas mans”, zanxa a europarlamentaria.

O libro, que se repartirá de forma gratuíta entre todas as persoas que asistan ao acto deste venres en Pontevedra, recolle textos dunha quincena de expertos e expertas en seguridade social, materia laboral e xubilación e pensións de diferentes partes do Estado español e doutros países da UE, que participaron no pasado mes de setembro nunha xornada organizada pola propia Lídia Senra en Santiago de Compostela sobre O futro das pensións.