Lugonovo denuncia a situación de abandono que sofre a Avenida Bernardino Pardo Ouro onde a maleza supón xa un atranco para os viandantes.

“Boa parte da beirarrúa permanece ocupada polas silveiras e o aparcadoiro de bicicletas vai camiño de perderse debaixo delas”, explica Victoria Esteban quen tamén alerta dos perigos de non retirar o cableado que quedou ao descuberto na instalación “ao alcance da man de calquera que pase ao seu carón”.

Parte destas dotacións xa se atopan fóra de servizo pero a envergadura que colleu a vexetación mermou até tal punto o espazo dispoñible que mesmo resulta complexo transitar con comodidade pola vía”, salienta a edil.

Esteban Riesco cre que esta falta de mantemento afecta negativamente á imaxe da contorna e causa un prexuízo á cidadanía, xusto nun momento no que a zona rexistra moita afluencia pola coincidencia da convocatoria dos exames universitarios co período de matrícula e ao tratarse da saída natural da Biblioteca Intercentros e o Campus cara a Avenida de Madrid.

“Outros puntos próximos reflicten igualmente un pésimo estado de conservación polo que, nunha nova ocasión, instamos ao goberno a mellorar a limpeza e a sinalización viaria desta parte da cidade coa finalidade de evitar que o seu deterioro vaia a máis”, conclúe a concelleira.

Deja un comentario