En pleno debate en torno a situación de emerxencia climática, o BNG denunciou no Parlamento a falta de iniciativa política e de medidas da Xunta para solucionar a perda de recursos hídricos cando, por mor do cambio climático, o abastecemento de auga tanto para consumo humano como para actividades económicas é un dos principais problemas.

“A preservación, a boa xestión e a garantía dos recursos hídricos é unha prioridade  colectiva, unha cuestión principal para axenda do goberno do país, polo que a Xunta de Galiza debe actuar de maneira global para combater as causas e os efectos da crise do clima así como para garantir os recursos hídricos necesarios para o abastecemento á poboación, a biodiversidade e o desenvolvemento de actividades produtivas sustentábeis”, salienta o deputado Luís Bará na súa iniciativa.

Bará lembra que a Xunta ten competencias en materia de augas, tanto no  abastecemento como co no saneamento, e que a Lei de augas e a normativa que a desenvolve fixan obxectivos e medidas a adoptar por parte da administración autonómica “que deben ser unha prioridade nun contexto como actual cheo de ameazas e de riscos”, salienta.

Sen embargo, en lugar de avanzar en propostas e medidas concretas nesa dirección,  “incumpriron sistematicamente cuestións fundamentais para abordar os plans, a lei e as obrigas da Xunta en materia de plans hidrolóxicos, ademais, do Pacto Local da Auga non lograron nada tras seis anos pese a que falaban da estrutura tarifaría e dos criterios para os investimentos”, recalcou.

Tanto o plan galego de abastecemento como os plans locais son “obriga” da Xunta, recalcou, tras preguntarse que foi do plan anunciado en 2010 polo entón conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, co que se pretendía reducir á metade a perda de auga dotado con 823 M€, que incluía máis de 4.400 millóns de metros de tubaria, 189  novas estacións e 356 novas captacións de auga. “Que parte deste plan está feito? Porque non teríamos estes problemas”, alegou Bará.

“Pero mentres vostedes desfán coas mans o que din co pico outros fan os deberes,  como recollen os medios de comunicación en titulares: “Pontevedra reduce a un 3,6% a cantidade de auga subministrada que se perde por fugas”, mentres que a Xunta estima que en Galiza pérdese entre o 35 e 40 %, “tomen nota de como se poden facer ben as cousas”, concluíu.

Para una boa xestión dos recursos hídricos, o BNG considera  fundamental contar coas entidades locais, coas asociacións de consumo, coas entidades comunitarias de xestión de augas, coas entidades ecoloxistas e cos sectores produtivos.