O BNG fixo unha crítica contundente á Lei de Patrimonio Natural que o PP ven de aprobar este mércores en solitario, cualificándoa de “lei fake”, propia dun goberno que non cree na conservación do territorio e que non ten reparo en supeditalo aos intereses económicos dos lobbies forestal, enerxético e mineiro.

O deputado Luís Bará durante a súa intervención / BNG

“É unha lei mentira que crea un decorado pero sen nada detrás, a lei dun Goberno con pasado escuro, a lei dun Goberno terminator, ou mellor dito, dun goberno exterminador da biodiversidade”, sintetizou o deputado Luís Bará, quen tamén lembrou o incumprimento sistemático do PP da normativa en vigor en materia de preservación ambiental desde 2001. “Foron o Goberno de Atila en Galiza en materia de biodiversidade, o Goberno das tres Ds: desfeita, desprotección e depredación do patrimonio natural”, denunciou.

RODILLO PARLAMENTARIO DO PP

O BNG tamén fixo fincapé no proceso de tramitación imposto polo rodillo do PP, “violentando” o regulamento do Parlamento e as normas de respecto democrático que deben rexer na Cámara, “unha mostra máis do autoritarismo do PP impoñendo  unha urxencia inexplicable despois de ter o texto en dique seco durante cinco meses, que mostra a cara autoritaria, déspota, ruda e os malos modos do PP”, afirmou Bará.

O deputado do Bloque foi especialmente crítico co veto do PP á participación social a través das entidades que traballan día a día na defensa do patrimonio territorial, “coherente cun partido que concibe o Parlamento como fortaleza  a que só se pode vir a mirar e a calar”, aseverou o deputado nacionalista.

“As presas só obedecen ao intento de maquillar o seu magro balance lexislativo, están na parálise lexislativa e a agora veñen con estas presas que só levan a leis chapuceiras que teñen que emendar aos poucos meses. Só demostra que para o PP a preservación do patrimonio natural e da biodiversidade son cuestións irrelevantes como o é este lei e  a propia consellería de Medio Ambiente”, concluíu.