BNG | Redacción Galiza

O deputado do BNG, Luís Bará formulou hoxe unha pregunta parlamentaria sobre as medidas previstas polo Goberno galego sobre a concesión de títulos nobiliarios á familia Franco e a súa renovación así como a necesidade de demandar do Goberno central a anulación de todos aqueles que honran nomes relacionadas coa represión franquista.

Para o nacionalista, “non é lóxico que nunha democracia existan este tipo de distincións” polo que pediu a súa anulación.

Tras a intervención da directora xeral de Relacións institucionais, Blanca García Señoráns que restou valor a petición do deputado do BNG asegurando que tratar os títulos nobiliarios “representan unha historia común” e resultan cunha “cuestión formal e sen importancia”, Luís Bará rexeitou tal  afirmación recalcando “nós non estamos nesa historia común e plural que honra o Ducado de Franco, e o Señorío de Meirás”.  O BNG, engadiu “loitará con todas as súas forzas para rematar con esa indecencia”.

Nós, engadiu, “non estamos na historia común dun país e dun Estado que honra a terroristas,  xenocidas, e golpistas” pero o Partido popular está na construción de esa historia plural e común. Este é un dos grandes problemas que ten a sociedade democrática español cun Partido popular que representa a “herdanza ideolóxica e biolóxica do franquismo outorgándolle lexitimidade e impunidade”.

O parlamentario do BNG pediu ao Partido popular actuar politicamente e abandonar “ o arume rancio de naftalina de franquismo e posfranquismo para romper con ese pasado escuro manchado de sangre”  porque ademais representa  unha ofensa para a democracia e as vítimas.

Luís Bará , amosou as figuras de Maruxa  e Coralía  que lucía na súa lapela das que dixo, foron dúas mulleres “agredidas, insultadas, humilladas e violadas” por ser irmáns de loitadores demócratas perseguidos. Na honra de mulleres como Maruxa e Coralia,(as dúas Marías) vítimas do franquismo, reclamou Bará,  “acaben con esta vergoña e coas portas inmundas da transición” concedendo privilexios a persoas relacionadas co período franquista.

Para o deputado,   os títulos nobiliarios representan “o pacto de silencio da Transición e o intento de dar impunidade ao franquismo incluído o seu roubo e espolio”. É unha “anomalía democrática” e en Europa sería  “inadmisible” un Ducado de Mussolini en Italia ou un marquesado de Hitler en Alemaña. Dende o BNG seguiremos pedindo romper co pasado franquista  “ antidemocrática, terrorista, e xenocida” e seguiremos dando en  Galiza a batalla  para recuperar o Pazo de Meirás. Ten que desaparecer o Señorío de Meirás porque hai  unha maioría social que apoia esta demanda.

Finalmente, Bará afirmou que o ditador decididu conceder títulos nobiliarios a pesar de ser función da monarquía dende a Idade Media. Franco no ano  47 concedeu títulos a militares e empresarios golpistas colaboradores con “ carácter perpetuo” como o  “Ducado Primo de Rivera, Ducado de Calvo Sotelo, Ducado de Mola  e condado do Alcázar de Toledo ao xeneral Moscardo ademais de diversos marquesados a xenerais golpista contra a República. 

Deja un comentario