O deputado Luís Bará defendeu una proposición non de lei que recollía unha batería de medidas para mellorar o acceso á vivenda e mudar o rumbo de dez anos de goberno de Feixóo durante os cales o investimento e a promoción de vivenda pública con algún tipo de protección caeu a mínimos históricos.

Neste sentido, a iniciativa nacionalista incluía a intervención pública masiva para mobilizar vivenda baleira en mans da SAREB e dos fondos voitre, crear unha bolsa de vivenda destinada a situacións de emerxencia habitacional e desenvolver un plan específico de vivendas en aluguer con prezos limitados para mozos e mozas menores de 35 anos.

Igualmente, o BNG incluía na PNL a creación dun fondo extraordinario de fomento da vivenda dotado con 100 M€ para compensar o que se deixou de investir por falta de execución orzamentaria, duplicar o investimento en vivenda pública nos presupostos de 2020, incrementar as partidas destinadas ás axudas ao alugueiro, elaborar un informe sobre a vivenda baleira e pedirlle ao Estado que suprima toda a normativa que favorece a especulación. Ningunha prosperou debido ao veto do PP.

Na defensa en pleno destas medidas, Bará salientou que, a diferencia do PP, o Bloque considera que a vivenda é un dereito non un ben con que facer negocio. “Pero o PP está do lado da especulación, do lado de salvar a banca e condenar a xente, e a súa política de vivenda é obscenamente cruel e inxusta coa persoas”, denunciou.

A día de hoxe, o 60% das vivendas dispoñibles en aluguer pasaron ao mercado turístico ao que se suma o incremento desmesurado do prezo até o 30% nas cidades nas últimos catro anos, “un festín da especulación”, sintetizou Bará,  mentres que o informe de Cáritas fala de que a exclusión residencial afecta ao 35% da poboación, moi por riba do 24% estatal, máis de 900.000 persoas.

Fronte a esta realidade, o paradoxo de que Galiza é o territorio do Estado que ten, en termos proporcionais, máis vivenda baleira, até 300.000 segundo o dato de 2011,  90.000 nas cidades e unha parte en mans de especuladores, fondos, banca e SAREB.

“Non é casualidade senón que ten causas e causantes nos gobernos do PP en Madrid e na Xunta que abandonaron a promoción de vivenda pública para converterse en comerciais deste negocio da especulación, empezando por unha lexislación que prexudica as persoas, como a Lei de arrendamentos urbanos de 2013 que disparou o prezo do aluguer, á escandalosa lexislación sobre socimix aprobada polo PSOE en 2009 e perfeccionada polo PP”.

Bará criticou a inacción do Goberno de Feixóo nunha cuestión que é clave para a integración social e foi tamén moi crítico coa falta de medidas efectivas para facilitar o acceso en aluguer. “As axudas son insuficientes, con baremos moi restritivos  e con moito retraso tanto na convocatoria como na tramitación, por non falar do programa de vivendas baleiras do PP que ía ser a panacea e foi o gran fracaso: unicamente con seis vivendas cando esperaban mobilizar 600”, concluíu.