O voceiro de En Marea, Luís Villares, considerou que o feito de que o PP respaldara no Parlamento de Galicia á Valedora do Pobo “era unha moi mala noticias para a calidade democrática de Galicia”. Na sesión de control ao presidente da Xunta, o voceiro de En Marea emprazou a Feijóo a que explicase por que o apoio a Milagros Otero a pesar do clara que é a sentenza e tamén que fará o Partido Popular se o Tribunal Supremo confirma a sentenza condenatoria do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Villares apuntou durante a súa intervención que o PP decantouse pola corrupción amparando a Milagros Otero, “Puido escoller defender dereitos fundamentais, pero optou polo seu pisoteo.
Puido escoller igualdade, pero elixiu enchufismo; Puido escoller mérito e capacidade, pero elixiu apelidos”. Villares sinalou que o PP protexe a corrupción da Valedora porque “ese é o seu sistema operativo”.

Para o voceiro de En Marea o PP “tirou a máscara e quedou fotografado como un partido que ampara a corrupción”. Continuou Villares sinalando que os deputados do PP “Viñeron á cámara a dicir que non acataban unha sentenza, que non recoñecían os pronunciamentos da sentenza de desviación de poder”.

Toda esta protección que o PP está brindando á valedora é só unha demostración máis do sistema clientelista que o partido de Feijóo desenvolve en Galicia, tentar “tapar un caso claro de clientelismo, de enchufismo, de colocación de parentes de altos cargos do PP”, “todos os elementos que definen unha rede clientelar e caciquil”.

Cambio de norma para favorecer á valedora

En Marea puxo de manifesto durante o debate que a Valedora utilizara a institución para defenderse ata o punto de que se cambiou a norma da Valeduría co apoio do PP e a oposición de En Marea para que Milagros Otero puidera escoller unha defensa da súa elección para este caso, aínda que igualmente pagada pola institución. Villares sinalou que as excusas de que “a defensa da Valedora foi mala ou non presentou os papeis que se presentaron ao Parlamento son responsabilidade de Milagros Otero posto que foi ela quen escolleu a súa defensa e o fixo ata o punto de cambiar a norma da institución para conseguilo”.

 

Deja un comentario