O voceiro de En Marea, Luís Villares, manifestou a súa falla de confianza na xuntanza que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, manterá co presidente do Estado, Pedro Sánchez, na que asegurou “o único sinceiro que se poderá ver será cando se lle escape un salouco a Feijóo subindo as escaleiras da Moncloa que xa nunca poderá subir como presidente do Goberno estatal. O resto será postureo”.

Villares cualificou de “absolutamente hipócrita” a actitude de Feijóo que agora pretende “poñerse farruco” despois de dous anos nos que puido defender os intereses e dereitos das galegos e galegas e non fixo nada. “Traballou nos seus propios intereses sucesorios, que finalmente foron descabalgados polos segredos mellor gardados de Soraya sobre o pasado do noso amortizado presidente” asegurou o voceiro de En Marea. Así lembro a “interesada afonía” do presidente da Xunta que tragou os vetos da AP9, a redución do 30 por cento nos orzamentos en infraestruturas ou que se deixaran 2.400 millóns sen executar en Galicia.

“É un Feijóo renovadamente cínico, corrupto e indolente” afirmou Villares. Cínico porque reclamar a AP 9 agora, cando o seu partido vetou o traspaso ata en catro ocasións no Parlamento, ou pedir un sistema de financiamento autonómico, mentres durante dous anos non dixeron palabra algunha sobre proposta do PP de Galicia.

Renovadamente corrupto despois de que a semana pasada o PP apoiar na cámara a colocación a dedo da sobriña de Fraga por parte da Valedora do Pobo, irmá do voceiro popular na cámara, a pesar de que unha sentenza declarou a existencia de arbitrariedade e desviación de poder. “Un enchufe de parente e amigos do partido de toda a vida” afirmou Villares.

O voceiro de En Marea acusou a Feijóo de indolente xa que asegurou vai pedir a Madrid pola explosión de Tui mentres aquí non manifesta a máis mínima humanidade polas vítimas votando en contra de ofrecer atención psicolóxica ás vítimas ou establecendo axudas moi inferiores para as vítimas so incendios e da explosión de Tui. Negáronse a aprobar axudas para cubrir o 100 por cen dos gastos . “Para Feijoo, as vítimas de Paramos son algo culpables da explosión, e por iso terán que pagar do seu peto parte do valor das vivendas e dos vehículos” lamentou Villares.

En resumo, o voceiro de En Marea asegurou que “mañá veremos a un Feijóo farruco que en realidade é unha lagarta que axita moito a cola para que pareza que está vivo, cando é absolutamente inofensivo, porque está amortizado politicamente”.

Entre os temas sinalados por Luís Villares que si deberían ser tratados no encontro de maña entre Núñez Feijóo e Pedro Sánchez destacou a AP9 que debería ser tratado conxuntamente coa A57 co obxectivo de poñer fin a este proxecto e destinar os cartos a rescatar a autoestrada.

Ence é outro dos temas que para En Marea deberían levarse a Madrid na xornada de mañá para acabar coa prorroga corrupta aprobada polo anterior Goberno do PP. Pero tamén o Pazo de Meirás para que a súa recuperación reciba o mesmo tratamento que o Val dos Caídos.

No relativo a ferrocarril, Villares sinalou a necesidade de trasladar ao presidente do Estado a urxencia de abordar a liña Ferrol-Coruña, Ferrol-Lugo e Ferrol-Ribadeo, e tamén a liña Ourense-Santiago.

En último lugar, o voceiro de En Marea referiuse á necesidade de que na xuntanza se tratara tamén o relativo á construción naval pero centrada tamén na eólica mariña non só no relativo á construír torres senón tamén as turbinas que é o que xera valor engadido e “Galicia está preparada para facelo”.

Deja un comentario