En Marea envía unha mensaxe de apoio a toda a poboación de As Pontes e das comarcas do Eume, Ferrolterra, Ortegal e Vilalba

Santiago, 28 de decembro de 2019.- Tras coñecer o anuncio do peche da central térmica de As Pontes, En Marea envía unha mensaxe de apoio a toda a poboación da localidade e das comarcas afectadas do Eume, Ferrolterra, Ortegal e Vilalba, así como a todas as traballadoras e traballadores que se verán afectados directa e indirectamente.
En Marea reclamou a través do seu voceiro Luís Villares plans específicos dotados orzamentariamente para manter os postos de traballo nas Pontes e tamén en Meirama:  “O goberno debe asumir dunha vez por todas que a dependencia do carbón é algo que está en vías de desaparecer e polo tanto debemos poñerlle remedio, algo que non se fixo nin nos Orzamentos da Xunta nin nos do Estado”.

Agardamos que se cumpran todos os  acordos sobre a restauración laboral e a recolocación de postos de traballo de toda a xente que nestes momentos vai quedar sen emprego, especialmente dos traballadores das empresas auxiliares e os transportistas do carbón, pero tamén toda a vila que queda sen o seu principal motor económico”, sinalou Villares que recordou que En Marea xa hai tempo que leva insistindo en que a transición ecolóxica que necesariamente se ten que producir con respecto ás fontes de produción de enerxía non renovables se faga “viabilizando as comarcas que van perder postos de traballo como consecuencia disto, tanto nas Pontes como en Meirama”.

Luís Villares sinalou tamén que o PP leva desaproveitando todas oportunidades que tivo para atender As Pontes e “acabou deixando tirada á toda a comarca, sen facer plans, sen orzamentar axudas e sen prever un proceso de descarbonización que era evidente”. O voceiro de En Marea apuntou que habería que esperar que o goberno central tomase as medidas necesarias, pero “os ministerios que deberían estar tomando decisións sobre isto non o están facendo”.

Pola sùa parte, Pancho Casal ven defendendo nos últimos anos unha transición enerxética xusta para Galicia no Parlamento, coa presentación e defensa de múltiples iniciativas neste sentido, malia que non obtiveron os apoios necesarios para saír adiante. “É ineludible pechar as centrais de carbón, é necesario mirar ao futuro, ao progreso. Non ao pasado. E é que ademáis non hai outra alternativaConsideramos un erro grave que o goberno da Xunta non tivese asumido este reto con anterioridade. Unha transición para que sexa xusta ten que facerse con tempo e con previsión”. Unha transición que debe ser liderada polos gobernos do Estado e da Xunta cunha aposta clara pola descarbonización da economía e polo I+D no lugar de botarse as culpas mutuamente e non dar pasos de cara ao futuro.

A transición non pode ser xusta se a alternativa é agasallar o territorio ás grandes eléctricas ou o mero cambio de negocio, do carbón á eólica, para quedar nas mesmas mans. Hai que favorecer as ofertas de menor potencia (das cooperativas, dos concellos, da cidadanía) e apostar pola enerxía producida e distribuída de xeito democrático” .

Nos 40 anos de existencia da central nas Pontes a empresa Endesa primeiro, Enel agora, facturou máis de 10 mil millóns de euros. Tanto os terreos coma o lignito que contiñan no subsolo foron expropiados forzosamente, utilizando mecanismos do Estado que favorecían á empresa fronte aos dereitos da veciñanza. Faise evidente que é obriga de Enel-Endesa e, polo tanto, é esixible que aporte a toda a sociedade e, especialmente ao Concello de As Pontes e a toda a comarca, axuda nesta transición.

Let’s block ads! (Why?)