Carmela Corbelle

Imos comezar un curso de automaquillaxe. Hai que saber sacarse partido! Se somos coidadosas luciremos frescas coma leitugas recollidas á primeira hora da mañá, luminosas coma as primeiras raiolas do día, alegres coma un día de primavera.
Ilustración de Javier F. Ferrero

Para comezar , temos que marcar as zonas focais de atención, o Té doutrinal do centro do rostro. A cara é o espello da alma e nos seus ollos engulimos e reflectimos todos os nosos gozos e tamén os nosos medos, os nosos demos. Maquillamos e defuminamos ao redor deles ate enchoupar as pálpebras de correctores de emocións. As enrugas, os morados, os problemas desdebuxámolos cun fundido en negro. Afumamos, tapamos, non deixamos que a pel  fale por ela mesma.

Reubicamos os centros de interés, coloreamos en rosa as meixelas de cor púrpura, o lapis vermello corre con forza na base dos beizos noutrora amados, agora pechados, inchados, acabados…

Desdebuxamos o noso rostro moi lonxe do que desexamos e agardamos sermos aceptadas, donas do noso tempo, da nosa vida. E turrados cara adiante con todas as decepcións, os impedimentos, o desamor, a desesperanza, a violencia velada e a explícita a un tempo e seguimos a pedir permiso por expoñernos tal e como somos.

Poñémonos frente a frente e repousamos os prantos unhas nas outras. Fermosa, ti es fermosa, libre, ti es libre e poderosa! Recolle a dozura do algodón con desmaquillador e recomeza o curso, revisa as técnicas, ti es a que has de debuxar o teu destino.