O ente provincial aprobou a moción presentada pola plataforma municipalista a prol da rexeneración de aguas e solos contaminados pola mina de cobre de Touro e contra a reapertura da antiga explotación como actualmente pretenden Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas a través da súa filial Cobre San Rafael.

Todos os grupos agás o PP -que se abstivo- votaron o primeiro de outubro a favor das medidas para recuperar a zona, que segue cun elevado grao de contaminación máis de tres décadas despois do peche da operación mineira.
“Estamos ante un claro exemplo de malas prácticas e explotación descontrolada dos recursos naturais, cunha pegada que permanece despois de tres décadas, ante a deixadez da Xunta de Galicia” -declarou o voceiro provincial da Marea Atlántica Alberto Lema- que foi o encargado de presentar a iniciativa na Cámara provincial.
Nunha visita realizada o 16 de setembro, o responsable político, acompañado do portavoz nacional de Anova Antón Sánchez, puideron comprobar de primeira man o lamentable estado das canles fluvias afectadas pola contaminación do antigo proxecto de minería metálica, coñecendo persoalmente algunhas das áreas máis afectadas pola contaminación, constantando que este grave problema está a afectar en primeiro termo a bacia do Ulla e finalmente á ría de Arousa, na que miles de familias dependen do marisqueo, da pesca e do turismo.

Para Lema, ademáis, o uso actual dos terreos para o tratamento de lodos de depuradora por parte da empresa TEN (Tratamientos Ecológicos del Noroeste) “só contribuiu a empeorar a situación” agravándose o caso “pola mala planificación urbanística”, xa que sobre as escorreduras da antiga mina e escasos metros dunha paraxe con altos niveis de contaminación, é posible atopar hoxe, entre outras infraestruturas dotacionais públicas unha escola infantil e un centro para a terceira idade.
GARANTIR A SAÚDE AMBIENTAL
A moción aprobada no Pleno da Deputación provincial insta ao Goberno galego e aos concellos de Touro e O Pino a realizar os traballos de inspección necesarios para avaliar o estado das augas e terreos afectados polas escorreduras da antiga mina facendo cantas intervencións sexan necesarias para garantir a súa salubridade, esixindo igualmente á actual propietaria dos terreos da antiga mina, Explotaciones Gallegas, S.L., que asuma as súas responsabilidades en materia de restauración e poña fin as verteduras contaminantes.
Para Marea Atlántica, a mina de Touro simboliza o modelo que defende o PP, “baseado en venderlle os recursos naturais a empresas multinacionais que esnaquizan o territorio”.