A formación coruñesa demandará no próximo encontro provincial a rexeneración urxente do embalsamento de lodos tóxicos do Lugar do Portaguzo, considerado como o sitio impactado pola actividade mineira máis contaminado de Galiza.

A paraxe, situada no tramo medio do río Portapego, sitúase a escasa distancia da capital municipal de Touro, Fonte Díaz, e creouse logo da acumulación durante décadas de lodos de sedimentación procedentes da falta de control e restauración sobre a antiga mina de cobre de Touro.
Segundo denuncia Marea Atlántica, esta zona, ademáis, non está incluida no plan de drenaxe presentado o pasado 30 de setembro pola empresa Explotaciones Gallegas S.L., o que demostra que a presunta proposta de restauración ambiental de augas non é máis que unha manobra por parte da mercantil que non comprende a restitución ao seu estado natural da zona máis afectada.
Como denuncia Alberto Lema, voceiro provincial da Marea Atlántica, “este proxecto é só unha cortina de fume, un anuncio que pretende calar as protestas da veciñanza, pero que resulta insuficiente para rexenerar a zona afectada pola mina tras 30 anos de abandono”. E engade que “parece responder máis ás tentativas de reabrir a mina, por parte das empresas Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas, que a unha verdadeira intención de sanear o río Portapego, afluente do Ulla”. Esta moción dálle continuidade á iniciativa que xa presentamos na Deputación o 1 de outubro, tras visitar a zona en setembro, e que resultou aprobada pola maioría da Cámara provincial.

Marea Atlántica recorda no seu comunicado que un informe de novembro de 2017 da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) “deixa ben claro os riscos e o impacto ambiental que tería o regreso da actividade mineira a Touro e O Pino”, Por este motivo, a formación volve recordalle á empresa Explotaciones Gallegas e ao Goberno galego “que asuman a súa responsabilidade e rexeneren os terreos e regos fluviais afectados pola actividade mineira en varios quilómetros á redonda, con especial atención á perigosa balsa do Portaguzo”.
TRES DÉCADAS DE CONTAMINACIÓN POR METAIS PESADOS
A mina de Touro foi unha explotación a ceo aberto de máis de 600 hectáreas de extensión, que permaneceu activa de 1970 a 1988 para a extracción de cobre pechándose sen ningún tipo de protección ambiental e deixando expostas grandes entulleiras con elevados niveis de metais pesados.
Para Marea Atlántica, “á vista están as consecuencias deste modelo que defende o PP, baseado en venderlle os recursos naturais a empresas multinacionais que esnaquizan o territorio” razón pola cal agarda que a proposta, novamente, conte co apoio maioritario dos grupos da Deputación coruñesa.