O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas recorda no seu videoblogue en redes sociais que aínda que se trata de “momentos excepcionais” a lealdade institucional “non se debe confundir coa submisión”.
Martño Noriega agradece ao conxunto dos traballadores e traballadoras, así como a toda a cidadanía o seu compromiso para intentar frear o Covid-19 “nun momento complicado”, pero ao mesmo tempo formula unha serie de dúbidas sobre a resposta institucional que o Goberno do PP de Alberto Núñez Feijóo está a dar ante a grave crise provocada pola pandemia.
MATERIAL SANITARIO
Pregúntase, en primeiro lugar, “como é posible que tendo as competencias delegadas de Sanidade” o presidente da Xunta diga que “non ten material suficiente” para garantir a seguridade de traballadores, traballadoras e doentes para “en paralelo, despois de culpabilizar ao Goberno central, ceda o material que di non ter á Comunidade de Madrid” cando a nivel galego “é absolutamente necesario”.
INTERVENCIÓN DA SANIDADE PRIVADA
Na mesma liña inquire Noriega sobre a posibilidade de intervir a sanidade privada ao ter a Xunta as competencias delegadas da materia e sen embargo se esté a apostar por “modelos IFEMA” para implantar hospitais de campaña coma no caso do multiusos de Sar en Santiago de Compostela mentres os centros privados deseñan “ERTES encubertos” para o seu persoal.
SITUACIÓN DAS RESIDENCIAS
Finalmente, o representante de Galicia en Común-Anova-Mareas pregúntase como pode ser que o Goberno galego non interveña “nas residencias públicas pseudoprivatizadas e concertadas de maiores no conxunto do país” dada a “dramática situación” que se está a vivir nelas e se lle oferte a seguridade necesaria tanto ás plantillas como á poboación de maiores dependente destas instalacións.
“Esas son as dúbidas, senón queredes chamarlle denuncias. Como é posible iso, Sr. Feijóo?” -remata Martiño Noriega-.