Redacción | Frente Popular Galega

Marzo, o equinoccio da primavera, entre o ventoso e o xerminal. É grande o simbolismo do antigo mes de Marte en todas as disciplinas. Vai esmorecendo o inverno e abrollan as novas vidas, todo emerxe, fluíndo, xirando en espiral. Tamén o é, como non, na curta pero intensa historia política da nosa esquerda arredista contemporánea.

Así é que nun 25 de marzo de hai corenta anos se constituia en Vigo o Partido Galego do Proletariado a partires da Liña Proletaria dunha Unión do Pobo Galego que implosionara meses antes entre o posibilismo autonomista duns militantes e a aposta nidiamente independentista doutros. Partidario dende o principio das unidades amplas de toda a esquerda expresadas no seu voceiro Sempre en Galicia, o PGP impulsou a organización Galicia Ceibe, participou nas candidaturas municipais de Unidade Galega e traballou activamente na formación da Confederación Sindical Galega até a integración da mesma na Intersindical. Unha táctica que camiñaba cara unha confluencia nacional-popular que se tería artellado coa denominación orixinaria de Alianza Nacional de Esquerdas (ANE). Porén, malia a vitalidade vangardista e forza dinámica coa que naceu o proxecto marxista-leninista, a persecución, o cárcere e a represión do Estado Imperialista Español aceleraron o esmorecemento do Partido e da súa plataforma de masas Galicia Ceibe.

Tamén en marzo, pero dun Día da Clase Obreira Galega de 1988 saía á luz a Frente Popular Galega como fronte de masas independentista na que confluían precisamente os náufragos da xeira anterior cos xoves cadros do novo Partido Comunista de Liberación Nacional xermolados dunha nova ruptura co esencialismo identitario. Independencia nacional, socialismo, anticolonialismo, democracia popular, antiimperialismo, solidariedade internacionalista e autoorganización son as palabras de orde. Tampouco foron doados os primeiros pasos da FPG e durante bastantes anos, e dende as posicións dunha resistencia construtiva, sostivo –practicamente en solitario– a bandeira do independentismo de esquerdas en Galiza. Malia todo, o partido comunista independentista sendo minoritario, que non marxinal, teimou e sobrevivíu. Construíndo, debatendo, creando pensamento, sen se ensimismar en dogmas nin liturxias, facendo lecturas e análises dos novos tempos: Clube Cultural Adiante, A Trabe de Ouro, as Redes Escalatas, cómpre nomear todas as protagonistas. Este ano celebraremos os seus primeiros trinta anos coa mesma determinación, firmeza e alegría de sempre.

Non é doado coñecer estas efemérides nunha Galiza na que a historia e traxectoria das entidades, partidos, colectivos e militantes da esquerda independentista ou ben é censurada, ou ben é infravalorada, ou ben é ridiculizada, tanto pola dereita españolista no Poder coma polo nacionalismo galego hexemónico. É unha labor dos actuais activistas do arredismo republicano de clase coñecer e dar a coñecer o que fomos para seguir sendo. Descubrir a nosa historia con visión crítica e autocrítica para reivindicar con orgullo a nosa loita e seguir construíndo ferramentas que nos fagan avanzar cara a República do Común, a República Galega.

Deja un comentario