O colectivo Arzúa Sostible advirte que o anuncio da filial de Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas do seu «Plan Integral» de tratamento de augas «é só unha ferramenta de propaganda da empresa que oculta as carencias dun proxecto inconsistente, incompleto e ineficiente que en absoluto poñerá solución ás que a día de hoxe son algunhas das zonas máis contaminadas de Galicia».

Miles de toneladas de lodos de arrastre afectados pola contaminación da mina de Touro acumúlanse nunha extensa área que rodea á antiga explotación / Arzúa Sostible

Neste sentido, a «restauración integral» pretendida pola mineira, advirte a entidade, deixa fóra de tratamento unha extensa área de terreos contaminados coa presencia de solos ricos en metais pesados procedentes da antiga explotación de cobre, así como numerosos cursos fluviais alén do Portapego e o Brandelos.

Aínda que o proxecto de Cobre San Rafael anuncia a construcción dunha canle de drenaxe para evitar que a auga de chuvia penetre nun dos depósitos de estériles da mina provocando filtracións, Arzúa Sostible reseña que «a empresa está a ocultar a presenza de miles de toneladas de lodos mineiros de alta toxicidade para a saúde pública e o medio ambiente que non serán retiradas nunha extensa área de quilómetros cadrados e, doutra banda, non presenta unha solución válida para a grave afectación dos acuíferos«.

Deste xeito, «a mineira pretende evitar a evidencia xerada pola contaminación nas zonas máis visibles para a poboación» pero «en absoluto» solucionar da maneira «integral» que defende a problemática ambiental xerada pola mina de Touro dado que o custe dunha operación de semellantes características comprometería a rendibilidade económica do proxecto. «A mineira, de feito, anuncia un compromiso co medio ambiente que en realidade só é un mero artificio para sacar adiante un proxecto maioritariamente rexeitado pola sociedade galega», destaca Arzúa Sostible.

A CONTAMINACIÓN POR METAIS PESADOS, UN GRAVE PROBLEMA DE SAÚDE PÚBLICA

A contaminación por metais pesados é un problema inherente á minería metalífera, dado que a matriz mineral de elementos coma o cobre (Cu) vai asociada habitualmente a elementos indesexados como o plomo (Pb), o mercurio (Hg), o cadmio (Cd), o arsénico (As) ou o cromo (Cr), moi dañinos para a saúde humana e a biodiversidade.

A súa perigrosidade reside en que non son biolóxicamente degradables, o que fai que unha vez solubilizados a partir do proceso mineiro, podan permanecer no ambiente durante centos ou miles de anos, impactando negativamente nos seres vivos por efecto da súa bioacumulación.

De feito, elementos coma o arsénico, o plomo, o cromo ou o cadmio son considerados pola Organización Mundial da Saúde como elementos perigosos polo seu potencial para xerar distintos tipos de cancro, e o mercurio diversos problemas neurolóxicos.

Para Arzúa Sostible «tendo isto en conta e coa situación preexistente provocada na Comarca de Arzúa pola minería a gran escala desenvolvida en Touro, pretender reabrir e ampliar un proxecto cando non se tratan de maneira efectiva os pasivos ambientais existentes, que son prácticamente inabarcables, é comprometer a seguridade da poboación residente e o futuro das vinceiras xeracións«.