En 2018 o que fora catedrático de Edafoloxía na Universidade de Santiago de Compostela recibiu o premio “Dioxina” por parte da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) polo seu apoio “a proxectos tan delirantes e agresivos” como o proxecto de Atalaya Mining na Comarca de Arzúa, no que chegou a propoñer “un parque temático de organismo extremófilos” nos ríos contaminados pola antiga explotación extractiva.

Felipe Macías en un acto público da USC.

A día de hoxe as actuacións de Felipe Macías Vázquez tamén levantan sospeitas na veciñanza de Touro e O Pino, que ven de denunciar a “utilización” do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC a favor dos intereses de Cobre San Rafael na mina de Touro.

Neste sentido, a Plataforma veciñal Cornado Mina Non considera viciado de orixe o informe “Ambarulla”, emitido polo Instituto de Investigacións Mariñas e esixe unha aclaración pública de si Ricardo Prego Reboredo, xefe do grupo de Bioxeoquímica Mariña da entidade, ten algunha relación contractual coa filial de Atalaya Mining en Galicia e cal é a súa vinculación con Felipe Macías tendo en conta o apoio do exdocente ao proxecto da mineira ao traballar de asesor da empresa.

Cornado Mina Non recorda que o informe “Ambarulla”, do que “apenas se coñecen máis datos que os publicados de maneira interesada pola mineira en medios de comunicación subvencionados con publicidade”, abribúe a contaminación do esteiro do Ulla a verteduras industriais procedentes da zona de influencia de Padrón, Catoira ou Compostela á vez que descarta e/ou minimiza que a súa orixe poda ter relación coa actividade da mina de Touro, cando a realidade para o colectivo veciñal é que “as drenaxes ácidas procedentes da antiga mina de cobre tiveron un efecto devastador sobre ducias de quilómetros de ríos e regos do sistema do Ulla afectando directamente á súa bacia fluvial“.

Ducias de quilómetros de ríos e regos sofren a día de hoxe as consecuencias da actividade mineira en Touro / Cornado Mina Non

Para a plataforma chama á atención que Macías, exprofesor de Química Agrícola da Universidade de Santiago coñecido pola súa vinculación coa empresa Tratamientos Ecológicos del Noroeste (TEN S.L.) e o seu apoio permanente á mina de Touro como asesor de Cobre San Rafael, apareza relacionado con Ricardo Prego en certas investigacións sobre metais pesados en cultivos mariños.

Segunda explica a entidade TEN S.L. está relacionada co grupo de Explotaciones Gallegas, actual propietaria dos terreos da mina e “nun pleno extraordinario celebrado no Concello de Touro no pasado mes de novembro sóubose que esta mercantil operou sen licenza de actividade coñecida entre os anos 2005 e 2011 pese ás continuas queixas veciñais polos cheiros nauseabundos procedentes do procesado de residuos”.

Por estes motivos, o grupo veciñal considera fundamental aclarar si o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), dependente dunha axencia estatal financiada con fondos públicos como o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), “está a ser utilizado a favor do proxecto da mercantil Cobre San Rafael na mina de Touro e que se depuren responsabilidades en aras de evitar calquera caso potencial de conflito de intereses”.