A veciñanza de Touro e O Pino considera imprescindible aclarar si este organismo dependente da Consellería do Mar está a recibir fondos da promotora da mina de Touro.
Neste senso, Cornado Mina Non reclama á Xunta unha investigación co fin de determinar se o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia está a ser utilizado a prol dos intereses comerciais da mercantil Cobre San Rafael e si existe participación económica “directa ou indirecta” da mineira nas súas actividades.
A plataforma veciñal recorda que o INTECMAR é un ente de dereito público adscrito á Consellería do Mar, creado segundo o artigo 1.4 da Lei 3/2001, que ten a potestade administrativa de aplicación da normativa sobre calidade de augas e organismos mariños que por definición “ten a obriga de actuar a favor do interés xeral da poboación, non dunha multinacional privada como Atalaya Mining e os seus accionistas”.
En datas recentes Cobre San Rafael, como filial de Explotaciones Gallegas e Atalaya Mining, anunciaba o investimento de 25.000 euros nunha “sonda multiparamétrica” para medir os parámetros da calidade das augas do Ulla que chegan á ría de Arousa, algo que entra dentro das competencias directas tanto da Entidade Pública de Augas de Galicia como do propio INTECMAR en colaboración co Instituto Español de Oceanografía, que dispón dunha serie de estaciones configuradas a través de batisondas multiparamétricas CTD equipadas con sensores que miden diferentes variables (temperatura, salinidade, pH, osíxeno, etc.) e están distribuidas de tal xeito que dan cobertura as principais zonas de produción en Cabío, Cabo de Cruz, Rianxo, Xidoiros, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa, O Grove, Meloxo, Aguiño e Canal Central.
Nestas circunstancias, a entidade veciñal alerta da reunión mantida en febreiro entre Covadonga Salgado Blanco, directora do INTECMAR e o representante de Cobre San Rafael Constantino Penedo Ferreiro que contou entre outros coa asistencia do presidente de Parquistas de Carril OPP89 José Luis Villanueva Vicente cando en xaneiro a propia Salgado reclamara un maior investimento público en equipamento, persoal e infraestruturas diante dun grupo de representantes da Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia.
Asemade o grupo reflexiona sobre cal é a lexitimidade real de José Luis Villanueva para defender calquera causa alén do negocio comercial de Cobre San Rafael, xa que segundo reflicten os medios de comunicación o Consello Local da Muller denunciouno diante das consellerías de Igualdade e Mar en 2018 por acoso, discriminación, machismo e abuso de poder polas súas actuacións sobre as marisqueiras de Carril e recentemente ven de ser condenado a 18 meses de prisión por agredir e ferir de gravidade a un letrado vilagarcián.
Por estes motivos a veciñanza de Touro e O Pino considera indispensable que a Xunta de Galicia aclare se o INTECMAR está a recibir de maneira directa ou indirecta soporte económico de Cobre San Rafael ao tratarse dun organismo público “que ten a obriga de ser independiente e manterse ao marxe de calquera interés empresarial”, máis cando “o proxecto da mina de Touro pode supoñer unha ameaza sen precedentes non só para a veciñanza da Comarca de Arzúa, senón para as miles de familias que dependen da actividade pesqueira e marisqueira na ría de Arousa”.