A Plataforma veciñal Cornado Mina Non considera que o Goberno galego esquece os seus propios compromisos sobre cambio climático ao apoiar a actividade da patronal mineira que se celebra do 20 ao 22 de setembro nas instalacións da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

La minería a gran escala se caracteriza por su inmenso consumo de recursos / Creative Commons

De feito, para o colectivo, o mineiro é a día de hoxe o sector máis contaminante, xa que é directamente responsable dunha emisión de gases de efector invernadoiro que oscila entre o 4% e o 7% segundo os anos, consumindo asemade un 11% da enerxía mundial, unhas circunstancias que o fan incompatible coa estratexia política que busca a neutralidade en carbono e o cumprimento co Acordo de París en materia de cambio climático.

Doutra banda, a Comisión Europea ven de instar aos países da UE da importancia do uso renovable dos recursos a través do Plan de Acción para a Economía Circular contemplado no Pacto Verde Europeo, que ten por obxectivo desvincular o crecimento do uso dos recursos a través do deseño de productos sostibles e o aproveitamento do potencial que ofrecen as materias primas secundarias pois “a circularidade e a reciclaxe de materias primas é parte integrante da transición a unha economía climáticamente neutra”.

Neste senso, para a CE, “a utilización de materias primas secundarias a través dun mercado da UE sólido e integrado e da retención do valor dos materiais de alta calidade contribuirán a dar resposta a unha porcentaxe cada vez maior da demanda de materias primas na UE”.

Tendo en conta as liñas de acción marcadas dende a propia Unión Europea a entidade veciñal non entende como o Goberno galego está a promocionar co seu apoio ao lobby mineiro nas xornadas “Minerales estratégicos para la industria gallega“, que conta no seu plantel cunha nutrida representación de integrantes de proxectos altamente contaminantes e socialmente conflitivos como o da mina de Touro, a de San Finx en Lousame, a de Varilongo en Santa Comba e a de Penouta en Viana do Bolo.

A plataforma mostra o seu profundo rexeitamento á utilización de fondos públicos por parte da Xunta de Galicia no apoio á quimera da “minería sostible”, termo que en absoluto se corresponde coa realidade pois a nivel extractivo, a explotación do recurso supón o seu esgotamento pagando, iso sí, unha elevada peaxe a nivel social e ambiental.