
O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas advertiu das dificultades económicas dos concellos con menos de 5.000 habitantes para xestionar os labores de prevención contra os incendios e demandou da Xunta axudas para as faixas de seguridade nos núcleos de poboación ante a proximidade de situacións de risco por novos incendios.
Na xestión das faixas de seguridade e de protección de núcleos e infraestruturas, as medidas que a Xunta propón por medio das instrucións distribuídas aos concellos a través da Fegamp distribúen para as entidades municipais as competencias de vixiar e inspeccionar a xestión da biomasa arredor das vivendas( núcleos rurais, zonas urbanizables, vivendas illadas), incluíndo as notificacións a propietarios de limpar subsidiariamente a biomasa no caso de non facelo o propio concello, así como o labor de vixilancia e de ser preceptivo, impoñer sancións, explicou Rivas.
O deputado asegurou que os concellos, sobre todo os de menos de 5.000 habitantes “non teñen capacidade para asumir un plan de actuación sistemático e continuado e tampouco contan con persoal persoal para vixiar e levantar actas que poidan rematar en sancións”.
Rivas reclamou á Xunta “poñer en marcha axudas aos concellos para poder levar a cabo este labor de xestión preventiva con orzamentos axeitados e dotalos de recursos humanos e técnicos incidindo na optimización do coñecemento e recursos dos distritos forestais.” Neste sentido, o parlamentario criticou a emenda presentada polo Partido popular que defendía a subcontratación de empresas privadas para realizar estes labores.
A resposta do PP ás reclamacións do nacionalista foron recollidas nunha emenda que finalmente o deputado do BNG aceptou a pesar, dixo de ser “insuficiente” por non responder a toda a problemática dos concellos neste ámbito.
A proposición non de lei do BNG para actuar na prevención dos incendios forestais nas zonas próximas aos núcleos rurais e vivendas habitadas foi aprobada por unanimidade.
Por outra parte, na Comisión de Agricultura o parlamentario do BNG tamén defendeu unha Proposición non de lei sobre as medidas a impulsar pola Xunta para retirar dos montes veciñais en man común a madeira afectada e queimada polos incendios forestais.
Rivas afirmou que nos montes veciñais en man común xestionados pola veciñanza comuneira, a madeira queimada foi sacada e puxada a tempo e a prezos razoables, sen embargo, “nos montes veciñais xestionados pola Administración Forestal, aínda está a medio sacar desprezando o seu valor económico”. Para o deputado, esta circunstancia constata “a ineficacia da xestión da Administración Forestal”.
“Mentres a madeira puxada e retirada en tempo no mes de decembro era vendida a un prezo razoable, nos montes conveniados o prezo foi irrisorio” porque que gran parte desa madeira foi puxada no mes de febreiro. O nacionalista afirmou que esta situación reforza, ao seu xuízo, “un círculo pernicioso: queima, ingresos mínimos, pequena inversión na restauración, abandono, queima…”
Ademais, este feito agrávase na zona afectada pola praga do nematodo do piñeiro. “Por lei e por conveniencia de control a madeira tiña que estar sacada e tratada antes do 1 de abril, a estas alturas aínda está moita dela no monte”, concluíu.
A proposición non de lei defendida polo deputado do BNG reclamando á Xunta medidas para retirar a madeira afectada e queimada polos incendios forestais dos montes veciñais en man común conveniados foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular na comisión de Agricultura, Gandaría e Montes celebrada hoxe no Parlamento galego.