Parte expositiva:

O pleno do Concello de Noia celebrado o 29 de novembro de 2016 acordou de xeito unánime e coa participación de todos os grupos municipais oporse á autorización de verteduras con expediente clave DH.V15.54967 solicitada por Tungsten San Finx S.L., filial do Grupo Sacyr, para realizar o desaugue das labores inundadas da Mina de San Fins, en Lousame.

Ao longo dos últimos anos, nun expediente interminábel, a empresa mineira tentou enganar á Administración de Augas de Galicia argumentando a existencia dun fondo natural de metais para así tentar evitar un tratamento eficaz das augas ácidas de mina que, coas súas concentracións de cadmio, cobre e cinc, veñen contaminando de xeito continuado o río San Fins, tributario do río Traba, co consecuente impacto sobre a ría e os seus espazos en Rede Natura 2000. A falsidade destes argumentos deixouse en evidencia no propio expediente de verteduras a raíz do informe requirido por Augas de Galicia á Universidade da Coruña.

Por outra parte, a empresa mineira ven omitindo os continuos requirimentos de Augas de Galicia para a posta en seguridade das presas de residuos mineiros construídas en formigón sobre o leito en 1928 e 1939. En febreiro de 2017 elaborouse un “Informe Descritivo Presas San Fins”, no que se describen detalladamente estas presas, a maior delas con máis de 50 metros de lonxitude de coroación, concluíndo que se trata de presas de residuos mineiros e que “Dado que están en desuso, e sempre previa retirada dos áridos almacenados no vaso, debería considerarse a demolición, restaurando o DPH ao seu estado orixinal e proceder a restauración ambiental da zona afectada”. Un informe previo de Augas de Galicia recoñecía que a rotura da presa maior, a menos de 6 km de Noia, podería producir un importante impacto ambiental augas abaixo pola grande cantidade de residuos mineiros acumulados.

Debemos ter en conta tamén que en febreiro de 2019 Augas de Galicia emitiu un “Informe sobre a titularidade das presas San Finx” que indica que “pódese concluír que a xestión, explotación e mantemento das dúas presas era realizada pola empresa mineira” e que “o uso destas balsas foi de tipo mineiro e non para almacenamento de auga” polo que queda claro a responsabilidade da empresa e

da Dirección Xeral de Minas en caso de omisión da anterior de acometer as labores de recuperación ambiental.

Por outra banda, na última semana vense de aprobar unha autorización do vertido de 2000 litros por hora procedentes do bombeo dende das galerías mineiras como medida cautelara través dunha planta piloto de tratamentosen que se certifique a través dun estudo o nulo impacto ambiental, cousa que supón outra clara ameaza e risco para o medio natural e o aproveitamento marisqueiro ao estar estas augas que inundan as galerías cheas dos metais pesados anteriormente mencionados.

Por estas razóns, propóñense os seguintes ACORDOS:

  • Reafirmar a oposición do Concello de Noia á solicitude de autorización de verteduras, instando a Augas de Galicia a que resolva o expediente denegando tal autorización e poñendo fin ao procedemento DH.V15.54967.
  • Instar a Augas de Galicia para que inicie as medidas sancionadoras oportunas e requira á concesionaria mineira para impida de forma inmediata a continuidade das verteduras (incluíndo o selado, taponado e recheo de labores), proceda á retirada dos residuos mineiros acumulados nas dúas presas de lodos así como á restauración ambiental do leito degradado, incluíndo a demolición das presas.
  • Instar á Xunta de Galicia para que, en cumprimento da Lei 26/2007, de 23 de outubro, de Responsabilidade Medioambiental, obrigue á concesionaria a adoptar e executar as medidas de prevención, evitación e reparación dos danos medioambientais e que, no caso de omisión, retraso, resistencia ou obstrución, inicie subsidiariamente a execución destas medidas con cargo ao patrimonio de Tungsten San Finx S.L., os seus administradores, propietarios, xerentes, director facultativo e demais responsables subsidiarios.
  • Instar a Augas de Galicia, unha vez que xa emitiu o informe determinando a titularidade e responsabilidade das presas, que tome as medidas necesarias para obrigar á empresa e en caso de omisión á Dirección Xeral de Minas para poñer en seguridade as instalacións e se proceda ao seu desmantelamento e restauración.
  • Instar a Augas de Galicia para que declare a caducidade do procedemento de autorización de vertidos e adopte as medidas sancionadoras que recolle o regulamento do dominio público hidráulico e as medidas cautelares necesarias para que cesen de xeito inmediato as verteduras recentemente autorizadas, así como calquera outras que non se corroboren non lesivas co medio natural.
  • Remitir estes acordos á Xunta de Galicia, á Dirección Xeral de Minas, a Augas de Galicia, así coma ao veciño Concello de Lousame onde se encontran as instalacións.