A entidade lanza unha nota de agradecemento logo de coñecerse os informes negativos da Administración galega aos parques eólicos que afectan ao macizo e que dificultan sobremaneira a evolución dos proxectos das multinacionais norueguesa e italiana Statkraft e Enel.
Nun sentido texto, o colectivo montañeiro agradece a “sinatura” e “adhesión” do gran número de persoas que respaldaron a campaña informativa “Salvemos Trevinca“, posibilitando que este cordal montañoso siga a ser “o belo, importante e patrimonial símbolo de todas as montañas galegas”.
Na mesma liña, mostra o seu agradecemento “aos profesionais da información en prensa e outros medios” por achegar ao gran público “as xustas e fundamentadas demandas de proteccion” da natureza de montaña en Pena Trevinca, así como o apoio mostrado polos clubes de montañismo.
O grupo recorda que o montañismo naceu nos Alpes Franceses fai uns 250 anos e que como actividade deportiva sempre seguirá a ser “máis que un deporte”, o que lle valeu o recoñecemento da UNESCO en 2019 ao declarar esta actividad como Patrimonio Inmaterial da Humanidade
Finalmente, Montañas de Trevinca fai patente o seu agradecemento ás administracións públicas que a nivel local, provincial e autonómico foron quen de rexeitar a instalación dos parques eólicos Prada e Alto Cabrera na contorna dos cumios de Galicia e ás diferentes ideoloxías políticas que están dacordo na obriga de coidar e protexer o territorio, así como ás “recoñecidas e competentes voces” de científicos, universidades e medios especializados que apoiaron con razóns fundamentadas a loita contra os proxectos, facendo súa a comprensión “do grave problema que ameazaba a este territorio de alta montaña, tanto no ambiental e humano como no social e económico”.
O clube montañeiro remata a súa misiva de agradecemento cunha reflexión e unha petición, preguntándose “cando será Trevinca Parque Natural” e desexando que “moi pronto” porque “razóns hai de sobra” e “Galicia o merece e, con seguridade, o agradece”.