A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, denunciou na Cámara a incoherencia que supón por parte do Goberno de Feixóo ter vacantes en residencias públicas mentres hai miles de galegos e galegas maiores ou dependentes que están á espera de conseguir prazas, persoas que pasan por situacións de grande dificultade que afecta tamén ao seu entorno familiar.

A deputada nacionalista puxo como exemplo a residencia Porta do Camiño, en Santiago de Compostela, con 33 prazas baleiras pese a lista de espera que existe para acceder a esta residencia, das poucas, explicou, que conta con persoal suficiente e con persoal facultativo, de enfermería e auxiliar. Tamén ten sido obxecto dun importante investimento para, entre outras cuestións, eliminar barreiras arquitectónicas, dotar de espazo para enfermería e cuartos habilitados para acoller a persoas con necesidades asistencias maiores que un grado 0.

Por iso, Prado reclamou ao goberno do PP que se cubran esas prazas de inmediato e que, ademais, se presente ante a Cámara un informe no primeiro trimestre de 2020 dando conta do nivel de ocupación,  lista e tempos de espera, grao de dependencia das persoas residentes e rateos de persoal das residencias de maiores de xestión directa da Xunta. Igualmente, o número de prazas en residencias privadas para persoas maiores e dependentes  pagadas con fondos públicos.

Na súa intervención, a nacionalista salientou que a década de Feixóo como xefe do Executivo sáldase con cero novas prazas en residencias públicas para as persoas maiores, facendo fincapé no “reiterado incumprimento” da promesa de construír unha residencia de maiores en cada unha das sete grandes cidades galegas. E todo isto nun país cunha poboación moi envellecida e cun nivel deficiente na aplicación na Lei de Dependencia.

Neste sentido, Prado reclamou a aplicación inmediata dun plan de atención ás persoas en listas de espera, tanto para ser avaliadas como para, a continuación, que se materialicen as axudas que lle correspondan en base ao resultado desa avaliación, plan que debe contar coa suficiente dotación económica e de persoal. Ningunha das propostas recollidas na proposición non de lei prosperaron debido ao veto do PP.

A portavoz parlamentaria de sanidade criticou a falta de compromiso do PP coa dependencia e a súa posición de submisión ao Goberno de Raxoi que deixou unha débeda de 200 M€ en materia de dependencia con Galiza,  que se demostra tamén no voto sistematicamente en contra de todas as iniciativas presentadas pola formación nacionalista reclamando esa cantidade.

Prado destacou, ademais, o acordo de investidura asinado polo BNG que recolle entre os puntos clave en materia social que o Goberno do Estado se compromete a incrementar a súa participación no financiamento da dependencia en Galiza. “Non admitimos leccións do PP en materia de dependencia, dun partido que ten un balanzo de discriminación cos galegos e coas galegas tamén neste asunto de tanta importancia”, concluíu.