BNG | Redacción Galiza

A portavoz parlamentaria de Pesca, Montse Prado, acusou a Xunta de actuar como “xendarme da Unión Europea” acosando á frota galega en lugar de defender os dereitos do sector loitando por acadar un reparto xusto das cotas de pesca. “Non se trata de un problema de falta de recursos, senón de que a súa distribución non se realiza tendo en conta nin o número de barcos, nin o número de tripulantes”, salientou.

Para a deputada, o lastre é a “falta de peso político” do Goberno de Feixóo, “porque se un barco leva bandeira galega non ten cota pero se ese mesmo barco cambia de bandeira xa pasa a tela”, denunciou, “por iso,  a frota, en lugar de que a traten como delincuentes, o que precisa é un Goberno con decisión e peso político que pelexe ante Madrid e ante Bruxelas por conseguir máis cota de pesca”.

Neste sentido, a proposta defendida polo Bloque na Comisión Parlamentaria de Pesca tiña como obxectivo instar á Xunta a adoptar as medidas necesarias para que a frota galega que quere participar na pesquería da xarda, -con artes diferentes ao cerco ou arrastre-, poida facelo nas mesmas condicións que calquera outra frota en termos de capturas. Sen embargo, e pese a discriminación que soporta o sector galego, o PP votou en contra da iniciativa.

Unha  discriminación que ten unha contundente plasmación nos datos de reparto de cota de xarda entre as diferentes frotas.  Así por exemplo, Cantabria conta unha cota do 25,7% a distribuír entre 50 embarcacións, o País Vasco acapara o 42% do reparto das capturas de xarda na campaña de 2017 con 60 embarcacións, mentres Galiza dispón dunha cota do 17,5% para un total de 90 buques.

Deja un comentario