BNG | Redacción Galiza

A portavoz parlamentaria de emprego, Montse Prado, denuncia a baixa execución dos diferentes programas de promoción de emprego nunha Galiza marcada polo desemprego, a emigración e a precariedade laboral. “Dentro dun mercado laboral desolador, a Xunta e o PP teñen a ousadía de non executar as partidas destinadas a favorecer a creación de emprego ou de modificalas á baixa”, criticou Prado.

Nunha Galiza na que o 30% da poboación non chega ao salario mínimo, quedaron sen executar en 2017 unha parte maioritaria das partidas destinadas a emprego. Por exemplo, o Programa para mellorar a cualificación do emprego quedou sen executar o 92,8%, en Formación profesional de desempregad@s, sen executar o 51,1%;  no de Mellora e fomento da empregabilidade, sen gastar o 43,8%; Promoción do emprego autónomo para un mercado de traballo inclusivo, quedou no caixón o 39,7% da partida, informou a deputada nacionalista.

A esta situación hai que engadir que varias das partidas e programas de emprego se modificaron para restarlle recursos, como por exemplo o recorte de 1,5 millóns de euros na Dirección xeral de emprego e de 1,2 millóns na mellora das relacións laborais. “Teñen a ousadía de non executar todas estas partidas e facer modificacións á baixa, nin sequera usan os orzamentos para mellorar a situación laboral dos e das galegas”, salientou, pese a que a perda de poder adquisitivo foi do 12% e houbo unha caía de dez puntos na masa salarial.

Botando man dun informe elaborado pola CIG, Prado denunciou a situación de pobreza estrutural, o avance da precariedade laboral, o incremento das desigualdades e a perda de poder adquisitivo. Igualmente, fixo fincapé en que se utilizou a crise para aprobar contrarreformas laborais que rouban dereitos aos traballadores e traballadoras.

“Os datos non fan máis que empeorar e a saía da crise só incrementa as desigualdades e aumenta o colectivo de persoas que perciben menos da metade do SMI con 1.800 brutos ao ano”, alegou, mentres que os traballos máis demandados son os menos cualificadas e polo tanto os peor retribuídos, “o que da lugar a un mercado de traballo que non permite desenvolver proxectos vitais con estabilidade, en particular entre a xente moza, e a figura do e da traballadora probe é xa unha realidade consolidada”, concluíu.

Deja un comentario