A deputada por Pontevedra, Montse Prado, denunciou no Parlamento o retraso da Consellería de Educación nas obras de reforma e acondicionamento do IES Ramón Cabanillas de Cambados, un centro no que están matriculados arredor de 400 alumnos e alumnas.

Prado lamentou a incompetencia na realización dunhas obras que eran demandadas desde hai anos pola comunidade educativa, “mais non foi até o pasado mes de maio, curiosamente en plena campaña das eleccións municipais e europeas, que a Consellería de Educación anunciou a súa realización”, indicou a deputada.

O investimento que se ía realizar, anunciado pola Xunta, ascendía a 1.123.204,75 euros e o propio goberno avanzaba que as obras ían consistir nun novo sistema de caldeiras de biomasa de alta eficiencia, a renovación das cubertas, o illamento da fachada polo exterior, novas fiestras e luminarias de alta eficiencia, colocación de falso teito na planta baixa e pintado das paredes que se atopen en mal estado.

“Parece obvio que a entidade das obras tería requirido que as mesmas se tiveran iniciado nada máis ter rematado as clases e ter feito seguimento das mesmas para que foran a un ritmo que garantira que estiveran rematadas para o inicio de curso”, argumentou Prado.

A comunidade educativa do IES, indicou,  mostrou a súa preocupación “tanto polo risco que supoñen as obras para a comunidade educativa como a inviabilidade de convivir obras e labor docente, pois as obras consiste en  botar abaixo tabiques, picar paredes, retirar e poñer fiestras,  materiais retirados, material de obra, cascallos, lixo. Preocupación pola seguridade, a saúde,  os ruídos e molestias que sofren durante o horario lectivo”, explicou.

Tres meses despois de terse iniciado o curso, as obras están moi lonxe de se rematar.  No caso da cuberta está sen rematar, “isto ten como consecuencia que as pingueiras proliferen, que chova por múltiple sitios, e que os caldeiros pasen a formar parte do mobiliario”, denunciou Prado.

En relación ao illamento das paredes exteriores está a medias, as fiestras nunha parte importante non están substituídas, e parte das colocadas están sen selar, co que entra auga e frío. A calefacción se ignora en que fase está, hai unha caldeira provisional e unha terceira parte do patio está inutilizado polo material de obra e cascallos.

Diante desta situación, a deputada nacionalista criticou a irresponsabilidade e a ineficacia da Consellería de Educación á hora de planificar a execución dunhas obras que están agora ocasionando problemas para o persoal docente e para o alumnado nun servizo clave como é o educativo e en pleno curso escolar.

“As obras están sen rematar, a moito de rematarse e a pesares diso a conselleira de Educación non tivo ningún problema en dicir, en declaracións de finais de outubro, recollidas nun medio de comunicación, que as obras do IES de Cambados estaban case rematadas no exterior e concluídas no interior”, indicou, cuestión que desmente a realidade.

Prado demandou da Xunta que se poña as pilas e que, dunha vez por todas, conclúa con éxito as obras no IES e permita poder volver a actividade educativa con total normalidade para alumnado e profesorado.