Daniel Seixo

Unha vez máis e con total impunidade, o poder do dinheiro faise presente nas nosas cidades  empapelando con noxentas campanhas, os numerosos valos publicitarios que día a día -desde as súas estratéxicas e moi pensadas localizacións- nos tentan adoutrinar de caminho a casa ou ao trabalho. Nesta ocasión, a quenda para dar a conhecer a súa arcaica mensaxe desde o máis novo márketing, foi para “Son Nuestros Hijos”, unha asociación de 500 familias que apostan abertamente por regular a xestación  subrogada. O que nunha linguaxe clara e non intencionadamente  edulcorado, viría significar abrir directamente as portas ao mercado e  mercadeo da maternidade / paternidade no estado espanhol.

En plena resaca do #25N máis reivindicativo contra prácticas  cosificadoras como a prostitución ou os ventres de aluguer, aqueles que pretende acceder á experiencia da maternidade desde o libre mercado, decidiron contraatacar ás razóns e a organización feminista co peso da publicidade. Pasadas as once da noite as pantalhas da praza madrilenha de Callao iluminábanse ao unísono coa frase “Nosotras parimos, nosotras decidimos”. Conscientes da clara apropiación dunha frase utilizada polo movemento feminista, Son Nuestros Hijos remitía aos numerosos viandantes madrilenhos a unha páxina web, na que tras unha breve visita, baixo o  hashtag #YoGestaría, podían atopar os testemunhos de preto de 200 mulheres aparentemente “dispostas” a xestar de maneira “voluntaria” os filhos doutras persoas.

Non é casualidade a elección do slogan que o propio feminismo acunhou na súa batalha para que o dereito ao aborto fose recoñecido no estado espanhol, declaracións como as de Sonia  Ruano, portavoz de Son Nuestros Hijos e nai por xestación  subrogada, expondo un suposto cisma dentro do movemento feminista en relación aos ventres de aluguer “Somos muchas las personas que considerándonos feministas no nos sentimos representadas por quienes en nombre del feminismo están diciendo lo que las mujeres pueden y no pueden” ou mesmo chegando a insinuar campanhas de  criminalización contra as nais  xestantes ou os propios nenos “Nos están criminalizando y dando mensajes que incitan al odio, hacia nuestros hijos, pero sobre todo a las mujeres más importantes de nuestras vidas, como son nuestras gestantes”, parecen totalmente  predeterminadas para tentar levar o debate dentro do propio feminismo ao terreo da paixón e o sentimento, fuxindo así oportunamente do campo da ética e a razón.

Sexamos claros, organizar a 500 familias, empapelar Madrid e Barcelona con 8.000 carteis ou mesmo conseguir o testemunho de apenas 200 persoas, non supón, nin debe suponher, motivo de peso algún para reabrir un debate no que a maior parte dos partidos do noso parlamento xa se posicionaron de maneira clara. Excepto Ciudadanos, partido que defende abertamente a regularización desta práctica -Que non vendería Ciudadanos?-, o resto de formacións xa se mostraron claramente  rehacias a implementar a lóxica de mercado á maternidade.

Suponho  que en  Virxinia, ao redor de 1640, serían numerosos os comerciantes que reclamaban sen disimulo algún o seu dereito para posuír man de obra barata para explotar as súas terras. Outros moitos, aínda hoxe no estado espanhol cren firmemente no indiscutible dereito do home para  desfogar as súas necesidades sexuais cunha mulher a cambio duns cantos bilhetes e un pacto “voluntario”. Escravitude e  mercantilización do corpo da mulher, dous temas que parecen excesivamente afastados da mensaxe que Son Nuestros Hijos logrou lanzar nun valo xigante en pleno centro de Madrid, pero que con todo atópanse intrinsecamente relacionadas cos ventres de aluguer.

O lobby de “Son Nuestros Hijos” non che falará das condicións de explotación e miseria subxacentes tras os contratos alcanzados en países como a India ou da inhumana lexislación ucraína, un país, no que quen leva unha vida dentro, perde todo dereito sobre ela por imperativo legal, a pesar de que poida arrepentirse da súa decisión no último momento, Tampouco nos falará do perfil socioeconómico das nais que “voluntariamente” deciden pasar por un embarazo para entregar o froito do seu ventre a unha terceira persoa. A campaña #YoGestaría, supón simplemente un novo intento, desde as pulsións máis básicas, para imponher a lóxica de mercado á maternidade. Pero cabe lembrar que non estamos a falar de garantir un dereito básico, nin tampouco de lexislar acerca dun produto que se poida consumir atendendo ás leis da oferta e a demanda.

A maternidade / paternidade non debe entrar no terreo do económico, o corpo da mulher non pode ser unha vez máis parte da máis pura especulación económica. O que hoxe defenden desde a publicidade asociacións en favor dos ventres de aluguer é o mesmo que moitas familias adinheiradas xa obtiveron desde a complicidade do réxime franquista: o lograr arrebatar aos seus filhos á clase obreira institucionalizando a opresión e o  mercadeo sobre o corpo da mulher trabalhadora. Pero hoxe existe un feminismo organizado, existe unha resposta firme e contundente contra as dinámicas patriarcais de explotación do corpo da mulher. Por iso, #YoNoGestaría

DEJA UNA RESPUESTA