Daniel Seixo

Podería comezar unha vez máis este artigo achegando o frío dato de que o 35 por cento das mulheres de todo o mundo sufriron violencia física e/ou sexual por parte dun home, explicando que o 80% das vítimas de trata de persoas son mulheres e nenas, lembrando que uns 15 millóns de raparigas de entre 15 e 19 anos en todo o mundo foron obrigadas a manter relacións sexuais forzadas ou que preto de 200 milhóns de mulheres foron vítimas da mutilación xenital feminina. Podería falar das catro violacións diarias que se producen oficialmente en Espanha, nomeando ás máis de 900 mulheres asasinadas no estado espanhol dende que existen cifras oficiais ou mesmo ponher cara e historia a cada unha delas. Sen dúbida, as estatísticas e o sangue poderían chegar a facer deste artigo un insensato paseo pola tolemia e a crueldade humana. Unha certeira e firme aproximación á sen razón do patriarcado, esa arcaica estrutura social -desgraciadamente aínda vixente en gran parte do mundo- que fai que os homes dende moi pequenos se nos arrínque gran parte do noso corazón e raciocinio, abocándonos dende a máis tenra infancia a unhas pautas de comportamento cimentadas na frialdade, o dominio e o orgulho*.

Ilustración de Javier F. Ferrero

Pero nesta ocasión, prefiro alentar a esperanza, xa que unha pantasma percorre o mundo: a pantasma do feminismo. Todas as forzas reaccionarias conxuráronse en santa cruzada para derrocalo: o sistema xudicial, o poder económico, a igrexa ou mesmo gran parte dos medios de comunicación desafían directamente ou tentan manipular con elaboradas argucias o espertar da conciencia feminista. Pero o cambio resulta xa de xeito evidente inapelable, os cimentos do patriarcado comezan a cambalearse e ningún axente social parece capacitado xa a estar alturas para deter unha corrente social organizada e disposta a remover a historia.

As mostras de forza do feminismo chegan desde todos os recunchos do planeta. Mesmo nun país como é A India, con preto de 10 milhóns de nenas asasinadas polos seus pais nos últimos 20 anos e onde o 35% das mulheres son analfabetas, o feminismo comezou a deixarse sentir con forza. Atopamos un claro exemplo na loita das recolectoras de Té do estado de Kerala. Agrupadas baixo a organización Pembillai Orumai (Mulheres Unidas), lograron entorpecer a produción dunha das companhías de té máis poderosas do mundo, para esixir melhoras nas súas pésimas condicións laborais e o fin dos continuos abusos sufridos pola explotación machista nos seus postos de trabalho. Esta mobilización obreira e feminista, supuxo sen dúbida unha auténtica revolta social nun país pouco afeito a ver como as súas mulheres se organizan e lideran manifestacións contra os abusos sufridos polo sistema. A loita das trabalhadoras de Kerala supuxo un shock para o patriarcado na India e unha esperanza para todas aquelas mulheres obreiras que aínda a día de hoxe sobreviven no país en condicións de escravitude.

 

Outro claro exemplo da forza do feminismo organizado atopámolo nas recentes manifestacións contra a elección como presidente de Brasil do ultradereitista Jair Bolsonaro. Aínda que finalmente, pese ao rexeitamento do colectivo feminista, o 50% das brasileiras apoiárono nas urnas -a clase social segue sendo a clase social- baixo o berro de Ele nao (El non), miles de mulheres brasileiras encheron o día previo ás eleccións as rúas, para deixar claro que elas non ían respectar a un presidente que non as respectaba. Nunha multitudinaria protesta, o movemento feminista brasileiro posicionouse claramente non só contra un candidato machista, senón tamén contra un candidato racista e claramente liberal. Gran parte do electorado feminista de esquerda, viu a mobilización social nas rúas como unha única alternativa para evitar o que suponhía un ataque directo ás mulheres. Por desgraza, moi probablemente fose precisamente ese intento “oficial” por desvincularse da esquerda política ou a falta de unión entre os diferentes colectivos afectados polos ataques de Bolsonaro – antiracistas, obreiros e LGTBI- o que finalmente propiciase que non se puidese alcanzar o obxectivo de evitar que a presidencia da república fose ostentada por un presidente que mostrara abertamente o seu rexeitamento á loita feminista. A pesar diso, as mulheres brasileiras lograron dar sobrada mostra da súa capacidade organizativa e do seu posible poder nas urnas. O futuro dun Brasil libre e socialmente máis xusto, pasa sen dúbida pola capacidade do seu feminismo para liderar gran parte das loitas sociais que están por vir no país.

Tamén no continente africano a loita organizada das mulheres deixouse sentir con forza. En Uganda, o mesmo país no que a activista feminista Stella Nyanzi foi sentenciada a prisión preventiva por insultar nas redes sociais ao presidente do país, Yoweri Museveni, o feminismo sobrevive nos campos de fútbol e na loita diaria das militantes. Á vez que a ONG ‘Goals for freedom’ xunta a nenos e nenas ao redor dunha pelota tentando romper as firmes barreiras levantadas pola construción de xénero da súa sociedade, a #WomensMarchUg (marcha de mulheres) sobre a capital Kampala, para esixir xustiza polos 42 feminicidios sen resolver no país durante 2017, marcaba un fito para as activistas feministas ugandesas. A falta de respecto pola vida das mulheres, levaba ao feminismo a saír ás rúas para esixir xustiza ao seu goberno e respecto aos seus homes. O estalido de dignidade e indignación atopouse co apoio de colectivos feministas de lugares tan diversos como Sudán do Sur, Etiopía ou Quenia. 42 asasinatos impunes de mulheres que supuxeron o fin da paciencia para todo un país e a solidariedade de todo un continente.

Todos estes exemplos de loita feminista móstrannos a clara vixencia dun movemento organizado e disposto a loitar por reivindicacións concretas. Non se trata de ilhar ao feminismo das loitas globais, senón de todo o contrario: trátase de levar o feminismo ao global. Hoxe máis que nunca a loita das mulheres debe ser unha loita polo material, polo psíquico, pero especialmente unha loita polas súas propias vidas, pola súa capacidade de acción e decisión. Non deixarán as companheiras que o feminismo caia nunha corrente social máis absorbida pola dinámica do consumo e o trending. Hoxe as falsas feministas, aquelas que quixeron ver na unión das mulheres un fío para o seu lucro individual, caen lentamente ante a realidade dun feminismo revolucionario, un feminismo que este 25 de Novembro sae ás rúas para esixir o fin da violencia machista, pero que sen dúbida sabe que ese obxectivo tan só conseguirase loitando firmemente contra as dinámicas sociais e económicas que sustentan a superestrutura patriarcal. A unión do feminismo e a súa participación activa nas diferentes batalhas sociais, supón un paso decisivo para o empoderamento da mulher. Necesitamos na esquerda, pero tamén na sociedade, alternativas femininas. Non queremos unha nova copia patriarcal nun corpo de mulher, non máis Angela Merkel ou Theresa May, necesitamos unha visión realmente feminista do cambio.

Cada morte, cada golpe, cada violación…, esixen un movemento feminista máis e máis forte. As feministas non tenhen que gardar encubertas as súas ideas e intencións. Abertamente deben declarar as súas ideas e intencións. Abertamente declaran que os seus obxectivos só poden alcanzarse derrocando a vixencia do sistema de relacións patriarcais. Treman, se queren, as clases gobernantes, ante a perspectiva dun feminismo realmente revolucionario. As mulheres -e con elas os homes desexosos de ser liberados das dinámicas patriarcais- non tenhen nada que perder, como non sexa as súas cadeas. Tenhen en cambio, un mundo enteiro que ganhar. Mulheres de todos os países, unídevos!

*Se chegados a este punto, a ti como home o presente artigo comeza a molestarche, non te preocupes, é normal, pero fainos e faiche un favor, continúa lendo. Ao resto, ás mulheres, simplemente agradecervos que dediquedes hoxe o voso tempo para ler a este pobre autor. Pero de seguir facéndoo, hei de advertirvos que no presente artigo non poderei achegar nada que @letra_ escarlata, @IrantzuVarela, @palomalopezB, @lea_ corr, @RosaCoboBedia, @Zurine3, @gemmabe7 e tantas e tantas outras companheiras non fagan melhor e con maior conhecemento de causa. A elas, simplemente agradecerlhes o seu trabalho diario, o que sen dúbida para min supón unha guía para lograr quitarme o gran peso do patriarcado.

DEJA UNA RESPUESTA