Nas roldas de xuntanzas que Narón por Diante está a manter con entidades e veciñanza para coñecer de primeira man como ven os veciños de Narón a situación actual da cidade, a formación fixo unha parénteses para reunirse con Hassan.

Hassan é tamén un dos veciños da poboación, dende fai máis dunha década ven compartindo cos veciños de Narón a súa vida.

Hassan , como outros cidadáns españois nados antes de 1975 no Sáhara Occidental está a vivir unha situación digna do “Proceso” de Kafka.

Cando as autoridades españolas abandoaron á súa sorte o Sáhara Occidental e permitiron que fose ocupado por Marrocos, moitos saharauís tiveron que comezar unha diáspora que dura xa máis de corenta anos.

Hassan naceu no Sáhara Occidental cando este era territorio español, cando era unha Provincia española. Fillo de español,  pero a xustiza española decidiu que a súa documentación diga que é “apátrida”. A Hassan e a outros moitos saharauís no Estado español non lles recoñecen patria, unha vez máis o mesmo Estado español que abandonou ao pobo saharauí, denégalle a Hassan os seus dereitos, o seu DNI español, á súa nacionalidade, e o deixa nun limbo legal.

E isto sen darlle explicación, deixando así a un cidadán que a todas luces debería ter dereito a ter a nacionalidade española indefenso legalmente.

Dáse ademais a curiosa situación de que o seu carné de conducir sí recoñece que Hassan naceu en España, e polo tanto recoñece implicitamente a súa nacionalidade española.

Hassan leva 15 anos vivindo en España, cotizando en chan español, naceu en chan español…pero o estado español o deixa no limbo de non ter nacionalidade, nun limbo legal.

Hassan é ademais un amigo de NARÓN POR DIANTE, comprometido coa loita do seu pobo para recuperar o seu territorio ilegalmente ocupado por Marrocos.

Hassan participa ademais como voluntario, ano tras ano, no programa “Vacacións en Paz”, grazas ao cal nenas e nenos saharauís poden fuxir durante os meses de verano das terribles condicións dos campamentos.

Desde Narón por Diante indican que «o noso candidato a Alcaldía André Abeledo foi un dos voluntarios que acompañou aos nenos saharauís ao seu regreso aos campamentos, xunto con Hassan, e puido coñecer de primeira man a difícil situación do pobo saharauí no desterro do deserto Alxerino, pero tamén entender mellor os lazos que nos unen con este pobo irmá«.

«As compañeiras e compañeiros de NARÓN POR DIANTE comprometémonos con Hassan nesta causa xunta, para tentar facer público o seu caso e o de tantas e tantos saharauís residentes en territorio español, é denunciar unha situación inxusta que ten que rematar, non podemos ter cidadáns saharauís vivindo como apátridas, cando o Estado español segundo as leis internacionais continua sendo a potencia administradora do Sáhara ocupado, non podemos permitir a indefensión legal de Hassan«, suliñan desde Narón por Diante.

O estado español ten unha débeda histórica co Sáhara Occidental, unha débeda impagable despois de tanto sufrimento, cando menos non lles neguemos a situación legal que lles corresponde.

«Dende NARÓN POR DIANTE imos facer o que estea na nosa man para denunciar esta situación kafkiana na que vive Hassan e o pobo saharauí«, indican desde a formación de esquerda.