Cando quedan menos de dúas semanas para o inicio da campaña electoral, o candidato pola Coruña, Néstor Rego, mostrouse no mitin de Noia confiado no regreso do BNG ao Congreso o que significará «facer valer Galiza». O investimento nas rías como grande tesouro paisaxístico e produtivo ou o cambio do marco laboral dun sector como o marisqueo serán protagonistas das súas propostas en Madrid, como lembrou na súa intervención en Noia.

«O BNG vai converter o vindeiro 10 de novembro na oportunidade de, de novo, facer valer Galiza, como di o noso lema electoral que significa que regresaremos ao Congreso como voz dos galegos e galegas», dixo Néstor Rego no mitin que se desenvolveu no Coliseo Noela de Noia en que estivo acompañado de cargos e responsábeis da organización na comarca como a responsábel local de Noia, Cristina Fernández, o voceiro municipal, Ricardo Suárez e a tamén candidata ao Congreso, Maruxa Martínez.

En dez anos, segundo apuntou o candidato nacionalista, os datos mostran un progresivo desmantelamento do país, cun descenso dun 6,30% no índice de produción industrial e unha caída da ocupación industrial do 10,85% ou a redución do número de camas hospitalarias dun 23,52%. «Son algúns datos que mostran a falta de peso político do país, do que tamén dá conta a discriminación que o sector da pesca sofre coa aplicación das cotas que obrigan a deitar o mar cada día boa parte da captura das nosas embarcacións de pesca tradicional», dixo Néstor Rego que prometeu que a voz do BNG no Congreso «servirá para poñer freo a este esquecemento que sofre o noso país e ser de novo a voz que defenda os intereses de galegas e galegos».

As rías, un tesouro que defender

Neste sentido, diante das veciñas e veciños de Noia, Néstor Rego fixo especial fincapé na necesidade de conseguir maiores investimentos para as nosas rías, en especial para o seu saneamento xa que, «son un dos nosos principais patrimonios e un tesouro tamén para o noso desenvolvemento económico mais teñen que ter a atención que corresponde ao seu incalculábel valor».  

Comprometeuse así a defender no Congreso investimentos para as nosas rías e tamén unha atención especial para o sector que vive do mar que está a ver mermadas as súas capacidades de produción e tamén as súas condicións laborais.

«Esixiremos que se invista na ría para o desenvolvemento  dunha actividade como a marisqueira, vital na ría de Muros-Noia, que emprega a máis de 1.500 persoas, maiormente mulleres», afirmou Néstor Rego que anunciou que presentará iniciativas no Congro para que se desenvolva o sector industrial relacionado coa captura do marisco apoiando a posterior transformación para que xere un maior valor engadido e máis postos de traballo.

Anunciou tamén para que defenderá a modificación das condicións sociolaborais das persoas que se dedican ao mariqueo para que sexan recoñecidas as enfermidades laborais asociadas a súa actividade e que se regulen ás cotizacións á Seguridade Social de maneira que se garantan unha situación laboral e unhas pensións dignas.

«Converteremos a repetición das eleccións Xerais nunha oportunidade para recuperar peso político  no Congreso dos Deputados onde aínda se deciden moitos temas que afectan directamente os nosos intereses. O BNG defende a soberanía para Galiza mais sabe tamén que a nosa voz ten que sentirse en Madrid porque é vital para o noso futuro como país», defendeu Néstor Rego que lembrou que «o BNG é a única forza que sempre loitou polos intereses do país e iso fica á vista se comparamos os orzamentos de máis de 2.000 millóns de euros que se destinaron a Galiza cando o BNG era determinante cos tan só 750 dos últimos aprobados, menos da metade».

«Quedan tres semanas para as eleccións e temos na nosa man volver facer decisivo o BNG, é dicir, volver a ter o peso político que precisamos como país. Está na nosa man que así sexa», rematou Néstor Rego.

 

 

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario