O candidato do BNG, Néstor Rego, reclamou en Arzúa ao MInisterio de Fomento medidas urxentes que garantan a seguridade nos accesos aos cascos urbanos de Arzúa, Melide, Touro e O Pino. O aumento da sinestralidade e das dificultades de tráfico urxe, segundo denunciou, actuacións urxentes na A-54 e na N-547.

Néstor Rego visitou os puntos de maior conflitividade da A-54 e a N-547 ao seu paso por Arzúa, Melide, O Pino e Touro e reclamou do MInisterio de Fomento que acometa de xeito inmediato actuacións que palien o incremento de sinestralidade e os problemas de circulación ocasionados nestes tramos.

«O BNG no Congreso defenderá a transferencia de todas as infraestruturas de comunicación no noso país, como premisa para actuar de maneira directa e contarmos con comunicacións de calidade e con criterios de sustentabilidade», defendeu Néstor Rego na súa intervención.

O candidato do BNG denunciou que a premura na inauguración do tramo da Autovía que une Arzúa con Santiago en plena campaña das eleccións municipais non prevera o impacto nos cascos urbanos de Arzúa e Melide. «O BNG reclamou xa a Fomento unha solución que permita colocar semáforos ou outraos mecanismos semellantes para regular o tráfico entre a N-547 e a estrada que vai para a Coruña, un punto moi afectado por unha autovía da que aínda está pendente de executar o tramo Arzúa-Palas de Rei, ao seu paso por Melide», sinalou Néstor Rego.

Sinalou tamén que na mesma situación se atopa o casco urbán de Melide, atravesado pola mesma estrada xeral que, segundo dixo, «nestes momentos, está soportando unha carga de tráfico inusual e provocando retencións de até 15 minutos no centro da vila, en determinados días da semana».  

O maior tráfico rodado pola estada N-547 que comunica Arzúa, Melide e Palas está, apuntou tamén o candidato nacionaista «está constantando un aumento da sinistralidade para o que é preciso executar actuacións con carácter urxencia».

Néstor Rego comprometeuse a levar ao congreso as demandas da poboación dos concellos afectados para reclamar ao Ministerio de Fomento «que tome conta da necesidade de actuar con seriedade neste tema porque é a seguranza da veciñanza a que está en xogo». Neste ámbito, reclamou tamén a mellora dos accesos ás poboacións próximas como os Concellos de Touro e O Pino, desde este tramo da A-54  entre Arzúa e Lavacolla 

«Estamos falando dunha estrada na que non se planificaron os accesos aos cascos urbanos, con curvas pechadas, firme deficiente e mesmo con dificultades serias para circular por parte dos vehículos. Chama a atención que unha vía recentemente aberta coma esta non dispoña de accesos cunha mínima dotación en canto a ancho das vías, estado do firme e das beiras dos mesmos, facéndoos perigosos e por veces intransitábeis, con puntos nos que a perigosidade é alta», denunciou Néstor Rego que explicou a causa tanto na «improvisación da obra do novo tramo como no abandono do de Compostela e Lavacolla que complica e aumenta a perigosidade da circulación».