O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, preguntou á Ministra de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, se o Goberno ten previsto implantar o servizo de tren de proximidade na Galiza. O BNG reclama implantar este servizo en todas as áreas urbanas e metropolitanas galegas a través de frecuencias, horarios e prezos adecuados co obxectivo de resolver a mobilidade habitual por medio dun transporte público eficaz e sustentábel como o ferroviario. Rego considera “sorprendente” que a ministra considere que na Galiza xa existen servizos de proximidade “aínda que non se chamen ‘cercanías’”.

Durante a sesión de control ao Goberno desta cuarta feira, o deputado da formación nacionalista preguntou polas previsións do Goberno para mellorar os servizos ferroviarios na Galiza. Rego sinalou que a próxima entrada en funcionamento do AVE Ourense-Madrid -con case 30 anos de retraso sobre a data inicial- non resolve moitos dos problemas de mobilidade da poboación galega porque “a preocupación da maioría dos galegos e galegas é poder moverse en transporte público nos desprazamentos habituais por razóns laborais, de estudo ou outras”.

“As políticas do Estado coa Galiza en materia de infraestruturas esqueceron impulsar a modernización da rede ferroviaria interna e dotar de servizos adecuados o noso País” denuncia o deputado nacionalista. A día de hoxe, na Galiza non existen os servizos de proximidade de Renfe, nin nas principais cidades  e áreas urbanas. Rego salienta que “ningún Goberno español soubo explicar até agora por que” e acrecenta que non pode xustificarse en función da poboación pois “Existen cidades de 270.000 habitantes e áreas urbanas de 400.000 que si posúen servizos de ‘cercanías’ de Renfe. Tan só Vigo se sitúa nos 300.000 habitantes e a rexión urbana Pontevedra-Vigo en 700.000. Pola súa parte, a da Coruña-Ferrol alcanza os 650.000 habitantes” explica Rego.

En opinión do deputado do BNG, Néstor Rego, non se pode falar de transición enerxética sen unha “aposta clara polo ferrocarril: un modo de mobilidade eficaz, eficiente e sustentábel”. Por este motivo, a formación nacionalista aposta por este modo de “mobilidade do futuro” o que implica que o executivo estatal leve a cabo políticas prácticas e recursos para modernizalo e implantar novos servizos.

Rego considera “sorprendente” que na súa resposta a ministra falase de que na Galiza xa existen “servizos de proximidade, aínda que non se chamen ‘cercanías’ e con prezos razonábeis” e lembra que aínda non se recuperaron frecuencias suprimidas durante o confinamento e que prezos como o do AVANT Ourense-Santiago disuaden do uso deste medio de transporte.

O deputado nacionalista lembrou que o pasado sábado participou nunha concentración en Lugo para reclamar un tren digno porque “a liña coa Coruña está obsoleta e sen electrificar e con Santiago de Compostela non existe conexión directa”. Onte, a formación nacionalista rexistrou iniciativas porque a chegada do AVE “modifica os horarios e prexudica os viaxeiros habituais do eixo Ourense-Santiago-A Coruña, ademais de castigar os usuarios e usuarias con prezos abusivos”.

Néstor Rego lamenta que a ministra de Transportes non expresase ningún compromiso concreto para implantar os servizos de tren de proximidade na Galiza e reafirma que para o BNG é unha prioridade absoluta. “Defendemos a creación dun ente público galego que poida xestionar os servizos ferroviarios internos do noso País, mais en canto non sexan transferidos, o Estado debe cumprir coa Galiza, porque os galegos e galegas tamén pagamos impostos e temos dereito a contar con bos servizos de transporte público”, subliña.

DEJA UNA RESPUESTA