O deputado do BNG no Congreso, Nestor Rego, tomou posesión do seu escano na Cámara baixa acatando a Constitución baixo a fórmula de “por imperativo legal”, e aproveitou o acto para deixar constancia de que a defensa dos intereses dos e das galegas será o eixo do seu traballo político. Así, e mostrando un exemplar do Sempre en Galiza de Castelao, Rego proclamou: “comprométome a defender Galiza, a democracia e a soberanía. E por imperativo legal, prometo.”

Previamente, nunha comparecencia ante os medios, acompañado da portavoz nacional, Ana Pontón, e da portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, o deputado destacou que co  BNG no Congreso “Galiza vai estar presente en todos os debates políticos desta cámara coa vontade de que os problemas do país atopen solución. Levamos moito tempo esperando, tras anos de esquecemento por parte do Estado, e é hora de que isto mude”.

Unha declaración na que tamén afondou a portavoz nacional: “é unha lexislatura na que se ten que dar un desbloqueo da axenda galega, porque até agora os nosos problemas ou ben eran ignorados ou desde Madrid se tomaban decisións que ían contra os nosos intereses, e queremos usar a forza dos votos que nos deron o 10N para poñer en marcha una axenda galega que aporte solucións ás urxencias como a crise industrial das electrointensivas, ás infraestruturas, ao saneamento integral das nosas rías, á modernización do ferrocarril”.

Rego subliñou que o BNG “vai ter unha actitude construtiva pero tamén moi firme na defensa dos intereses dos e das galegas, solucións ás infraestruturas pendentes, ás necesidades económicas,  aos dereitos sociais e nacionais e da democracia atacada. Esperamos que esta posición encontre receptividade nun contexto sen maiorías absolutas e que isto implique un cambio a favor de Galiza para mellorar a calidade de vida e o benestar de todos os galegos e galegas e que a nosa nación sega avanzando en dereitos e liberdades”.

Estado plurinacional

Neste sentido, o BNG subliña que nos últimos anos “houbo unha involución democrática, de dereitos e liberdades que afectan ás persoas pero tamén aos pobos, e desde Galiza queremos contribuír á defensa da liberdade, dos dereitos e da democracia, a defensa de Galiza como nación, onde o Estado ten que recoñecer esa existencia dun Estado plurinacional, pluricultural e plurilingüe, e non pode seguir pechando os ollos ante esa realidade porque é como querer poñerlle portas ao campo”, argumentou Pontón.

Entre os primeiros asuntos que abordará o Bloque, -avanzou Rego-, o BNG vai reclamar a transferencia de salvamento marítimo e de loita contra a contaminación, tras constatar co accidente de Blue Star que 17 anos despois do Prestige, as costas galegas seguen igual de indefensa.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario